O BNG pide abrir o Pazo de Meirás e que a primeira actividade sexa unha homenaxe ás vítimas

O Pazo de Meirás “debe ser un gran centro internacional de divulgación, investigación e defensa dos valores democráticos e dereitos humanos contra as ditaduras e os fascismos”, di o deputado Luís Bará.

Pazo de Meiras. (Foto:Europa Press)
photo_camera Pazo de Meiras (Foto:Europa Press)

Desde o pasado 10 de decembro o Pazo de Meirás permanece fechado, circunstancia que “vulnera a lexislación vixente en materia de Patrimonio cultural”, sinala o deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Luís Bará. A finais do mes de xaneiro, engade, pospúxose o acceso aos espazos públicos por mor da situación sanitaria pero agora, e despois de catro meses, “da entrega das chaves non ten xustificación o seu fechamento”, afirma.

O BNG propuxo no Parlamento galego tres medidas ante o feche: “a apertura inmediata do Pazo de Meirás nos seus espazos exteriores, que a primeira actividade prevista para o mes de abril sexa unha grande homenaxe pública a todas as vítimas da represión e espolio así como ás entidades e persoas que loitaron pola recuperación do pazo como mostra de recoñecemento e dentro do debate sobre os usos de Meirás, estudar a posibilidade de convertelo nun grande centro internacional de divulgación, investigación e defensa dos valores democráticos e dereitos humanos, fronte as ditaduras e os fascismos”.

Para o deputado do BNG urxe abrir os espazos exteriores do Pazo de Meirás co fin de acadar a apropiación cidadá e polo simbolismo do lugar.

Neste sentido, recorda que a súa formación levou ao Parlamento galego “diferentes iniciativas para a recuperación do pazo e polo seu uso público así como de  reparación das vítimas da ditadura e contra o espolio que supuxo a usurpación deste ben patrimonial ao seu lexitimo dono, o pobo galego”.

Comentarios