O BNG pedirá explicacións no Congreso sobre a actuación xudicial na Operación Jaro

A formación nacionalista considera que este operativo é "un claro exemplo da utilización da administración de xustiza e das forzas e corpos de seguridade do Estado para a persecución de ideas políticas, en concreto para perseguir o independentismo político galego".

Operacion Jaro BNG Causa galiza ceivar
photo_camera "Carece de sentido pretender a ilegalización de organizacións políticas e sociais como Causa Galiza ou Ceivar", sinalou o BNG (Nós Diario)

O BNG informou que demandará explicacións ao Goberno español sobre a mudanza de posición por parte da Fiscalía do Estado, despois da mudanza de posición: de apoiar a retirada dos cargos a solicitar penas de prisión para todas e todos os procesadas no operativo Jaro II.

A formación nacionalista considera que este operativo é "un claro exemplo da utilización da administración de xustiza e das forzas e corpos de seguridade do Estado para a persecución de ideas políticas, en concreto para perseguir o independentismo político galego".

Todo o operativo policial e xudicial despregado "non levou á localización de probas da comisión de ningún delito, ao contrario, puxo de manifesto a intención de investigar, perseguir e criminalizar a actividade política independentista", sinalan desde o BNG.

A operación Jaro levou consigo a ilegalización de Causa Galiza e o procesamento de nove militantes baixo a acusación de ser o "brazo político" dunha suposta organización armada. Neste sentido, o BNG considera inxustificada esta actuación e desproporcionadas as penas que pide a Fiscalía, que van dos 4 aos 12 anos para as 12 persoas investigadas.

En total, as penas solicitadas suman 102 anos, incluíndo o delito de integración en organización criminal para a comisión de enaltecemento do terrorismo, solicitando dous anos máis para cada acusada e acusado por cada unha das veces que a Fiscalía considera que se incorreu nese enaltecemento.

Para o BNG, ao respecto, "carece de sentido pretender a ilegalización de organizacións políticas e sociais como Causa Galiza ou Ceivar".

Comentarios