O BNG pedirá ao Parlamento galego que recorra perante o TC o veto no Congreso ao debate do traspaso da AP9

Ana Pontón solicitará que se reprobe a presidenta da Cámara española, Ana pastor, “por aldraxar este país” ao vetar a proposición de lei aprobada por unanimidade do Parlamento de Galiza.

ana ponton parlamento

O BNG vai levar ao Parlamento de Galiza a proposta de que se presente un recurso perante o Tribunal Constitucional polo veto á tramitación no Congreso da proposta de lei aprobada por unanimidade na cámara galega na que se solicitaba o traspaso da AP9 a Galiza. Un veto interposto polo goberno español e ratificado esta terza feira pola Mesa do Congreso. A iniciativa do BNG foi anunciada pola súa portavoz, Ana Pontón, no transcurso da sesión de control ao presidente. Fíxoo após reprochar a Núñez Feijóo que non sexa quen de facer valer os interes galegos fronte ao executivo central, “nin no AVE nin na AP9”.

Mais non foi o único anuncio que realizou a portavoz do BNG, que tamén adiantou que solicitarán que se reprobe a presidenta do Congreso, Ana Pastor (eleita pola provincia de Pontevedra) “por aldraxe a este país” ao vetar ese debate. Propostas que a formación nacionalista formula por entender que Feijóo “aceptou que o ministro dese carpetazo ao traspaso da AP9 a Galiza”. O BNG considera que o presidente da Xunta non exerce como tal e que “se supera a si propio cando se trata de ser servil ao goberno de Madrid”. Pontón emprazou Feijóo a exercer como presidente de Galiza fronte a unha traxectoria na que cuestións como a AP9, os contantes retrasos no AVE ou o fracaso do “acordo estratéxico” de Pemex marcan “incumprimentos escandalosos”.

Na quenda de resposta, Feijóo botou man dun argumento que xa empregou na anterior sesión de control: acusar o nacionalismo de estar en contra da construción da autopista do atlántico e, de paso, lembrar que votaron non á Constitución española, “que é a que nos permite estar aquí”. Sostivo que a trasferencia desa infraestrutura “é irrenunciábel” para o goberno galego e que van seguir a traballar por ela, defendendo que o logrado na xuntanza co ministro, xestión partillada, é un paso importante.

Floteis

De falta de palabra e incumprimentos tamén acusou a Feijóo o portavoz parlamentar de En Marea, Luís Villares, (“actúa máis como rapaz dos recados de Madrid que como presidente”) que fixo especial fincapé nos acordos con Pemex. “Vosté prometeu cousas cuxo cumprimento non estaba na súa man”, reprochoulle, lembrando que se fixo iso foi para anotarse un tanto político. Preguntouse Villares que fica agora de todas aquelas promesas e proxectos.

Feijóo botou balóns fóra, referíndose aos cambios no mercado do cru e a queda nestes anos dos prezos do petróleo. O que non convenceu Villares, que o cualificou como “relacións públicas de Pemex”. O de En Marea reiterou que Feijóo quixo sacar rédito político no seu momento dunha serie de cuestións cuxo cumprimento non dependía do goberno galego. E agora que cambiaron as tornas, debe apandar e dar explicacións.

Boa sintonía

A sesión de control ao presidente comezou coa intervención do portavoz socialista, Fernández Leiceaga, interpelando o presidente sobre o posicionamento e estratexia da Xunta de cara á revisión do modelo de financiamento autonómico que se va a dar en 2017. Un modelo, 'caducado' no 2014, e do que o socialista destacou que para Galiza tivera uns resultados “que non son despreciábeis”. Con esta entrada, Feijóo sentiuse cómodo. Dixo que ía defender un modelo que tivese en conta factores como a dispersión ou envellecemento, tan importantes para Galiza, e emprazou Leiceaga a sumar forzas “para ter unha posición reforzada”. Aliás, engadiu, o debate sobre o modelo é político, recoñeceu, mais non ten nada a ver con “soberanismo e elementos identitarios”. Leiceaga, por se ficaban dúbidas, lembrou que o seu plantexamento non tiña nada de relación con “elementos identitarios”.

Comentarios