O Bloque urxe a comparecencia da xerente do Sergas por "posíbel conflito de intereses" cos negocios do seu irmán

Tal e como informou 'Nós Diario' a pasada semana, o irmán de Estrella López-Pardo, Manuel, é o xerente da Asociación de Hospitais da Galiza (Ahosgal), a patronal da sanidade privada galega.
A xerente do Sergas, Estrella López-Pardo. (Foto: Xunta)
photo_camera A xerente do Sergas, Estrella López-Pardo. (Foto: Xunta)

A información publicada a pasada semana por Nós Diario sobre o vínculo familiar entre a xerente do Sergas, Estrella López-Pardo, e o da patronal dos hospitais privados, Manuel López-Pardo —son irmáns—, segue a suscitar múltiples reaccións. Esta segunda feira a deputada portavoz de Sanidade do BNG, Montse Prado, urxiu a comparecencia da responsábel do sistema sanitario público no Parlamento dado que a relación co seu irmán "pode supor un incumprimento da Lei de transparencia e bo goberno", no que atinxe ao punto que decreta que "os altos cargos deben absterse de intervir nos procedementos administrativos que afecten aos seus intereses persoais".

Este feito, incide Prado, "fixo saltar as alarmas de que desde o Goberno do PP se estean a primar os intereses particulares por riba dos colectivos, do interese público". A parlamentaria considera "imprescindíbel" que se clarifique "se se están a producir preferencias na toma de decisións da xerente a respecto de concesións, concertos, convenios ou contratación de servizos con hospitais desta asociación".

Desde o Bloque, alén de demandar explicacións públicas de López-Pardo na Cámara, presentan unha batería de medidas para "verificar se o PP está a incumprir" a normativa en materia de transparencia, que estabelece no seu artigo 43 que "os altos cargos deben absterse de intervir nos procedementos administrativos que afecten aos seus intereses persoais, que inclúe aos familiares até o cuarto grao de consanguinidade, como é o caso", lembra Montse Prado.

A lexislación tamén dispón que esta abstención debe facerse por escrito e comunicarse ao rexistro de actividades de altos cargos para a súa constancia, algo que tamén solicita a formación nacionalista para analizar se existe un "conflito de intereses en detrimento da sanidade pública".

"Queremos coñecer e que se faga pública a axenda de reunións da xerente do Sergas desde o nomeamento do seu irmán", insiste Prado, que exixe "luz e taquígrafos" e cualifica a situación como "unha mostra máis de como o PP dende a Xunta actúa en beneficio da sanidade privada".

O Partido Popular, afirma a deputada do BNG, que "leva catorce anos actuando como comercial da sanidade privada, actuando dende dentro como quintacolumnistas para facilitarlles o negocio" e que "deteriora a sanidade pública con modificacións lexislativas que facilitan o transvase da pública á privada".

As reaccións chegan tamén desde o eido sanitario. A Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP) considera que este feito "evidencia as estreitas relacións e os conflitos de interese entre a Administración pública e a patronal de hospitais privados", pois "unha parte importante dos ingresos da sanidade privada proceden do orzamento público".

Comentarios