Francisco Jorquera

"O BNG está nunha liña de clara recuperación. Eis a principal razón para a esperanza"

Esta segunda feira quen se debruza sobre a xanela do #VenhanMais5 é Francisco Jorquera, presidente da Fundación Galiza Sempre.

 

 

Francisco Jorquera comparecendo no Parlamento de Galiza. Foto: Irene Pin
photo_camera Francisco Jorquera

-Como ves o estado actual da política galega? 

-Cunha mistura de preocupación e esperanza. Preocúpame, por suposto, a hexemonía do PP. O PP, coa axuda inestimábel dos seus altofalantes mediáticos, foi quen de instalar na sociedade galega a percepción de que en Galiza non existe unha alternativa viábel, explotando as contradicións e debilidades das forzas que actualmente compoñen a oposición. 

Mais preocúpame aínda máis que para a maioría da xente non existe unha “política galega” propiamente dita, por mor de múltiples razóns: a perda de referencialidade das institucións galegas pola renuncia á defensa e ao exercicio do autogoberno por parte do Goberno Feixóo, a maior españolización na vida política que introduciron os novos partidos, a ausencia cada vez máis clamorosa dunha voz galega na política estatal, o papel alienante no nacional dos medios de comunicación de dentro e de fóra...Para a construción dun proxecto nacional galego é gravísimo que se perdan os marcos de referencia proprios.

Pola contra, fronte aos agoreiros que profetizaban a práctica desaparición do nacionalismo, o BNG está nunha liña de clara recuperación. Eis a principal razón para a esperanza.

Agardo que Sermos, sen renunciar ao que é, sexa capaz de ampliar o seu público e acadar máis influencia social

-Que evolución agardas a 5 anos vista?

-Como dicía Gramsci, fronte ao pesimismo da razón é preciso o optimismo da vontade, entendida non como un simples exercicio de voluntarismo, senón como vontade racional e como compromiso político. A sociedade galega é moito máis dinámica de como ás veces nola presentan, hai un desexo de cambio maioritario, e pese á febleza da conciencia nacional tamén hai un sentimento de galeguidade moi arraigado. O repto é saber canalizar todas estas potencialidades. A sociedade demanda proxectos políticos claros e solventes e cada vez máis xente constata que Galiza está ausente na axenda política por mor da submisión do Goberno galego e das dependencias estatais doutras forzas políticas.  Por iso confío en que o nacionalismo galego consolide a súa recuperación e confío tamén en que, chegado o momento, haxa madurez para alcanzar acordos, pois a curto prazo non é posíbel desbancar o PP sen o concurso dunha pluralidade de actores.

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

-Sermos Galiza é imprescindíbel para fortalecer os marcos de referencia proprios dos que antes falaba, pois fronte ao papel alienante dos principais medios de comunicación, é case o único medio en galego e alternativo ao pensamento dominante. Por iso agardo que sen renunciar ao que é, un periódico de intereses galegos e de orientación nacionalista, sexa capaz de ampliar o seu público e acadar máis influencia social. Comprendo que para acadar ese obxectivo tamén é preciso dotalo de máis medios humanos e materiais e para conseguilo, como proxecto colectivo que é, todos debemos contribuír.

Comentarios