UNHA ESCOLMA DO PAPEL

"O BNG non é unha forza que se poida desmontar porque lle apeteza a algúns medios de comunicación"

Guillerme Vázquez Vázquez (Pontevedra, 1952) atende por teléfono Sermos Galiza ao pouco de aterrar de Barcelona, onde participou nos actos da diada e na histórica marcha pola independencia, xunto a membros de ERC. Confesa estar “esgotado” despois de pasar varias horas de pé sen poder moverse perante a colosal dimensión da manifestación catalá. Porén, o voceiro nacional do BNG recupera o ton máis vivo cando fala do que viu en Barcelona ou das perspectivas do nacionalismo galego de cara ás eleccións.

Guillerme Vázquez, durante a súa época como portavoz nacional do BNG
photo_camera Guillerme Vázquez, durante a súa época como portavoz nacional do BNG

-Abraiado após de acompañar un millón e medio de cataláns e catalás na súa reivindicación nacional?

-O que vivín en Barcelona representando o BNG foi a manifestación máis numerosa da historia de Catalunya, onde unha multitude pediu claramente iniciar un proceso de segregación. Foi a expresión dunha corrente de base de moita xente que está farta da dependencia do Estado español, un proceso que cómpre seguir con interese e, por suposto, respecto.

-Considera que a dimensión independentista desta Diada pode provocar un cambio no escenario territorial no estado español?

-Coñecendo a cerrazón do Estado español, e máis en concreto do PP go- bernante, semella difícil que abran a porta ás demandas expresadas en Barcelona, porque se algo ten na cabeza o Partido Popular é a súa disposición para recentralizar o estado utilizando para iso a crise como escusa. Sospeito que, máis unha vez, desconsiderarán as reivindicacións dunha parte moi importante do pobo catalán, non creo que saiban ler ben o que está ocorrendo, porque isto todo ten a ver con agravios anteriores, como o do Estatut, onde o Parlamento español non considerou o que se aprobou en Catalunya, que despois aínda foi máis cepillado polo Tribunal constitucional, creando así unha frustración enorme que xa se viu en xullo de 2010, con outra manifestación moi importante que dous anos despois multiplicou a súa potencia. O Estado español así como vai cedendo soberanía a organismos supraestatais, nomeadamente á Unión Europa, onde non ten pudor en deixarse dirixir pola troika de Merkel, máis centralista se volve. Non creo que o goberno central vaia reconsiderar nada, mais outra cousa é que os pobos lle obriguen.

-É fundamental que Galiza non quede agora illada do ascenso soberanista en Catalunya e, segundo as enquisas, tamén en Euskal Herria?

-O BNG vén insistindo na necesidade de democracia, soberanía e traballo. Nós cremos, e máis aínda nestes tempos, que son necesarios espazos de decisión propia. Galiza non pode superar a actual situación se non ten capacidade certa de decidir perante Bruxelas e Madrid. Polo tanto, os galegos e as galegas teñen que tirar conclusións do que supoñen as políticas centralistas, como as do PP, que nin sequera defende as competencias do actual Estatuto de autonomía. Debemos procurar un poder de decisión real, non retórico.

O BNG vén insistindo na necesidade de democracia, soberanía e traballo. Nós cremos, e máis aínda nestes tempos, que son necesarios espazos de decisión propia

-De súpeto e coas eleccións aí diante, tamén semella que volveu mirar cara ao seu propio país Alberto Núñez Feijóo, que agora seica renega do que fai o seu partido en Madrid.

-Isto debería facer reflexionar a todos e todas as galegas. O PP ten unha tendencia histórica e patolóxica a mentir, como queda ben claro con só ver o que fixeron unha vez que Rajoy gañou as eleccións, todo o contrario do que dicían. O de agora é unha vella táctica do PP, tamén deste PP das FAES e moi españolista, que é a de galego coma ti de Manuel Fraga. E así, un señor como Feijóo, que sabemos que lle ofrecerá unha hipotética vitoria súa a Mariano Rajoy, pois agora afirma que rexeita o mesmo tipo de políticas que el des- envolveu desde a Xunta e que volverá facer se gaña, por moito que diga o contrario en campaña. Isto ten que facer pensar a todos e todas, mais moi especialmente aos votantes do PP, que terán que valorar se compensa darlles o voto baixo calquera circunstancia e fagan o que fagan despois. Mais si, agora Feijóo a Rajoy nin o coñece de vista.

-Mais Feijóo terá que falar sobre o que fai Rajoy perante o seu escaso balance na Xunta.

-El chegou desfacendo todo, para mostra un botón, como o concurso eólico, que foi unha das súas cantilenas, e agora vemos o que di a xustiza. Desmontou todo o que había e aterrou atacando a lingua e a cultura galega e, desde logo, tendo como única política a dos recortes. A partir de aí, ningunha iniciativa nin nada que mellorase a vida da xente. E, por moito descaro que gaste estes días, sempre collido da man do PP de Madrid e do gober- no central.

-No último Día da Patria, o BNG cedeu o micrófono da Quintana a grupos de afectad@s polas políticas do PP. Insistirá nese xesto durante a campaña?

-Nós en todo este período estivemos coas persoas que están padecendo a crise económica e as políticas do PP. Fomos a única forza política que estivo desde o primeiro día con toda esta xente, defendendo os seus intereses, as hemerotecas poden demostralo. E seguirán a ter voz co BNG, nós estamos comprometid@s coas clases populares deste país. Estamos dispost@s a combater as políticas lesivas que fai Feijóo e o PP. Por dar un exemplo, foi o BNG quen introduciu o debate de pagar o soldo extra de decembro ao persoal público diga o que diga o goberno central, esa é a vía que defendemos, unha vía de rebelión. Non es- tamos dispost@s a que se lle quiten recursos á xente para engordar a banca. A voz daquelas persoas que sofren a crise é a voz do BNG.

O que fixo o 25 de xullo foi visualizar que moita xente, tanto a militancia como outra que simpatiza con nós, está co BNG

-O 25 de xullo serviu para simbolizar a reactivación da militancia e da súa forza política despois de todo o que pasou tras a asemblea de Amio, semella unha boa forma de enfrontar a campaña.

-Non teño dúbida nin tiven nunca dúbida ningunha sobre a militancia do BNG. É certo que nós sufrimos, como grupo político, unha campaña de acoso, unha campaña destinada a facer saltar polos aires o Bloque Nacionalista Galego, mais os nosos afiliados e afiliadas teñen raíces sólidas. Esta non é unha forza política que se poida desmontar porque lle apeteza a algúns medios de comunicación. Así, o que fixo o 25 de xullo foi visualizar que moita xente, tanto a militancia como outra que simpatiza con nós, está co BNG, e iso tamén se vai manifestar na campaña, que de seguro vai ter unha enorme presenza e apoios co obxectivo de desaloxar un PP que é un cadaleito para este país. O BNG está aquí e o espírito do 25 de xullo é o de hai moito tempo, e vai ser o da campaña.

-Refírese ao “obxectivo de desaloxar o PP”. En caso de conseguilo, até que punto está o BNG disposto a participar nunha coalición de goberno co PSOE?

-Eu falo de hipóteses, porque como é obvio se os galegos e as galegas deciden, como espero que fagan, retirar do poder o actual goberno, pois haberá que substituílo por outro. Dito iso, e falando con hipóteses, pois estamos vivindo tempos moi diferentes a outros, tamén dentro do BNG e, polo tanto, non estamos dispostos a reeditar gobernos como os que se deron con anterioridade, se chega o caso. Por tanto, se depende do BNG, nós estamos por un goberno alternativo, diferente, do lado da xente e disposto a enfrontarse ás políticas do gran capital.

-Por certo, que lle comentaron sobre as eleccións galegas en Catalunya?

-Como é lóxico, alí non son indiferentes ao que o ocorra nestas eleccións e hai consciencia da importancia que pode ter unha derrota do PP na Galiza. Falei con moita xente, de diferentes grupos, e basicamente me transmitían ánimo e convencemento de que a única alternativa nacionalista en Galiza é a do BNG.

En poucos días vaise celebrar o trinta aniversario da constitución do BNG na Coruña. Que pensa que significou o Bloque para Galiza nestas tres últimas décadas?

-O BNG mantivo Galiza para que siga existindo na cabeza e no corazón. Alén da nosa perspectiva social, de defensa das clases populares, que é algo que tamén caracterizou a nosa historia, nós defendemos a idea de país, a idea de nación. Se non existise o BNG, unha situación que xa non é moi boa desde o punto de vista nacional, tería sido moito peor. Somos unha organización chave para este país, a única imprescindíbel; de calquera outra é posíbel que se puidese prescindir, do BNG non.

Esta entrevista a Guillerme Vázquez apareceu no número 15 de Sermos Galiza, publicado o 14 de setembro de 2012.

Comentarios