O BNG non apoiará o candidato imputado do PSOE para presidir a Deputación de Lugo

“Non é admisible que cando estamos a defender un novo modelo de funcionamento das deputacións, máis transparente e democrático, o candidato que se presente sexa unha persoa imputada", manifestou a secretaria de política municipal do Bloque, Goretti Sanmartín.


O BNG comunicou este venres ao PSdeG que non apoiará o seu candidato para presidir a Deputación de Lugo, o alcalde de Becerreá Manuel Martínez, por encontrarse imputado. A organización frontista recordou nun comunicado que a súa posición a respecto de cargos públicos imputados “é ben coñecida” e mostrou o seu “desconcerto” pola decisión dos socialistas.

“Non é admisible que cando estamos a defender un novo modelo de funcionamento das deputacións, máis transparente e democrático, o candidato que se presente por parte do Partido Socialista sexa unha persoa imputada. Máis aló das responsabilidades legais que se deriven da situación do alcalde de Becerreá, que desde o BNG non xulgamos, é evidente que os tempos políticos son outros e a cidadanía espera a máxima exemplaridade dos cargos públicos”, manifestou a secretaria de política municipal do Bloque, Goretti Sanmartín.

O anunciou chega despois de que o secretario provincial do PSOE en Lugo, Juan Carlos González Santín, retirase a súa candidatura para presidir o ente. O rexedor de Becerreá recibiu o apoio de 59 dos 96 concelleiros e concelleiras socialistas para ser o futuro presidente.

Martínez cualifica a decisión de "cazaría"

Manuel Martínez, imputado por un presunto delito de malversación de fondos públicos, criticou a decisión do BNG que cualificou de "cazaría" e asegurou, en declaracións para 'La Voz de Galicia', que "non me van facer un Orozco", en referencia a dimisión do anterior alcalde de Lugo para facilitar o pacto de goberno no concello. 

Fontes socialistas, recollidas por Europa Press, aseguran que estudan unha terceira vía -sen especificar máis- que nunca estivo descartada. O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, optou por non valorar a decisión á espera das negociacións abertas nas tres deputacións.

Comentarios