O BNG vota en contra do 5% do PXOM de Lugo

Por mandato da Asemblea Local, formada pola militancia nacionalista, as concelleiras e concelleiros do BNG de Lugo -que forman parte do Goberno municipal encabezado pola socialista Lara Méndez- votaron esta quinta feira en contra da aprobación do coñecido como 5% pendente do Plan xeral de ordenación urbana de Lugo.

Muralla.Lugo.Galicia
photo_camera Muralla.Lugo.Galicia

O tenente de alcalde, Rubén Arroxo, puxo de manifesto que "a militancia do BNG tomamos a decisión de manter neste pleno unha postura coherente co traballo feito realizado desde o minuto 1 da tramitación deste plan xeral".

Arroxo comparou o actual plan xeral cun “crebacabezas de 20 pezas” e explicou que "a totalidade do crebacabezas prevía un gran crecemento poboacional, cunha estimación de que Lugo contase con máis de 300.000 habitantes aos 10 anos, mais a realidade é que o crecemento poboacional foi de pouco máis de 3.000 veciñas e veciños nos 11 anos e medio que pasaron".

“A peza do crebacabezas que caeu, o 5%, continúa a formar parte dun proxecto de cidade que non compartimos", acrecentou o nacionalista durante a súa intervención na sesión plenaria.

Arroxo trasladou que o BNG “valora positivamente” parte das modificacións introducidas no proxecto que se votou, mais afirmou que "os cambios puntuais non cambian o conxunto do plan, que seguimos cualificando como afastado da situación actual da cidade".

A alcaldesa busca "que a cidade creza"

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, que impulsou o Plan xeral, salientou na sesión plenaria extraordinaria, que a súa prioridade “é que a cidade creza”, así como “mellorar a calidade de vida” e estabelecer axudas “ás persoas máis vulnerábeis”.

O PP votou a favor do 5% do PXOM, tras “revisar contra o reloxo toda a documentación e manter as reunións oportunas con expertos e afectados”. “Farémolo por responsabilidade, coherencia e por Lugo. É mellor un mal plan que non ter plan ningún”, expuxo o concelleiro Antonio Ameixide.

Comentarios