Segundo a información publicada por Europa Press, o BNG reunirase na terza feira con representantes de Anova en cumprimento do acordado na Asemblea Nacional a respeito da conformación dunha candidatura de orientación nacionalista para as eleccións galegas.
Na súa primeira reunión, o Consello Nacional acordara encetar os contactos con formacións e colectivos nacionalistas de cara a conformar unha papeleta en clave de país que concorra ás eleccións galegas. O obxectivo, tal e como reitera a portavoz nacional, Ana Pontón, non é outro que o de artellar unha candidatura nacionalista que sexa clave na derrota do PP.
A xuntanza desta terza feira chega após os primeiros contactos do Bloque con Compromiso por Galicia. A formación liderada por Xoán Bascuas tamén está a desenvolver encontros con outras formacións políticas para marcar a súa estratexia electoral. No seo desta formación, hai un sector que defende integrarse directamente en En Marea e outro sector aberto a alianzas electorais máis amplas.
Diferenzas estratéxicas separan BNG e Anova
A reunión con Anova é puramente protocolaria, dadas as diferenzas estratéxicas que separan ambas as formacións: o BNG, procurando a unidade no ámbito do soberanismo e Anova pondo o acento na mestizaxe coa esquerda de ámbito estatal.
Precisamente, Anova convocou este sábado a súa conferencia política para o mes de abril após unha xeira de asembleas locais nas que acordou seguir afondando na confluencia de En Marea. O partido liderado por Xosé Manuel Beiras defende que a coligazón se converta nun partido instrumental.