mércores 08.07.2020
Investidura

O BNG manterá o seu 'si' a Sánchez porque o seu acordo é "bo para Galiza"

O deputado nacionalista no Congreso, Néstor Rego, criticou que a "ultradereita españolista" busca unhas terceiras eleccións
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, após a votación de investidura (Europa Press)
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, após a votación de investidura (Europa Press)

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG) no Congreso, Néstor Rego, sinalou este domingo, após a primeira votación da sesión de investidura do candidato socialista, Pedro Sánchez, que manterá o seu 'si' na segunda votación da vindeira terza feira porque o acordo entre nacionalistas e socialistas é "bo para Galiza" e pola "responsabilidade de desbloquear a situación política" diante do interese da dereita de que haxa unhas terceiras eleccións.

En rolda de prensa no Congreso, Rego especificou que o vivido nestas primeiras dúas xornadas do pleno de investidura, "cunha dereita e ultradereita españolista" que busca unhas terceiras eleccións, é a proba de que a decisión do BNG de apoiar a investidura "é moi acertada".

"Grupos como Vox, PP e Ciudadanos pretenden impedir a liberdade de expresión no Congreso, pretenden calarnos a todas, e estaremos fronte a eles defendendo a democracia e as liberdades públicas", apuntou en alusión aos ataques á portavoz de Bildu polos seus comentarios sobre a Coroa española.

Ademais, o deputado galego incidiu en que o acordo co PSOE é "bo para a axenda galega" porque "dá solución a problemas sociais e económicos" do país como a crise do sector naval e das industrias electrointensivas, que pon en risco milleiros de postos de traballo.

A xuízo de Rego, este pacto tamén suporá a reactivación da lei de Dependencia, a atención as desigualdades que sofren os emigrantes retornados e o estudo do traslado de Ence (empresa de celulosa) fóra da ría de Pontevedra, entre outras medidas.

"Un magnífico acordo" 

Así, e a pesar de que alerta de que non coinciden totalmente co programa de Goberno presentado por PSOE e Unidas Podemos porque en moitas medidas sociais é "pouco concreto" ou "queda a medio camiño", Rego confirmou que manterá o sentido positivo do seu voto na segunda rolda de votacións.

"É un magnífico acordo que ademais supón avanzar na posición de estancamento entre Galiza e o Estado que o Partido Popular non foi capaz de desatascar en dez anos. A reacción airada de [Alberto] Núñez Feixoo ao coñecer o contido do acordo ten que ver con que un só deputado de BNG logrou o que tantos deputados do PP e a súa posición de presidente non foron capaces", apostilou.

comentarios