ENQUISA 'EL DIARIO'

O BNG mantén representación no Congreso e repunte do bipartidismo

Un inquérito de Celeste-tel para o dixital outorga 1/2 deputados ao Bloque nun Congreso no que PP sería primeira forza (133/135) por diante do PSOE, Podemos obtería entre 33 e 37 parlamentares e Ciudadanos, 20/21. UPyD desaparece da Cámara e entraría a CUP.

Congreso dos deputados, onde se están a debater os Orzamentos Xerais

O BNG mantería a representación no Congreso español de se realizar agora eleccións segundo unha enquisa de Celeste-Tel para 'El Diario' que o dixital publica esta segunda feira. A sondaxe outorga aos nacionalistas o 0,7% dos votos e entre 1 e 2 deputad@s. Nos comicios de 2011 obtivo 2 parlamentares e o 0,8% dos sufraxios. 

O inquérito sinala un repunte do bipartidismo, cun PP que se mantería como primeira forza da Cámara, obtendo entre 133 e 135 deputad@s e o 30,7% dos votos; e un PSOE que malia baixar en porcentaxe de apoios (de 29,2 ao 27,4%) aumentaría en escanos, pois pasaría dos 110 de hai catro anos a ter entre 118 e 123, segundo este traballo feito en base a 1.100 entrevistas.

Podemos sería a terceira forza, cun 13,3% dos apoios, o que se traduciría nun abano de entre 33 e 37 parlamentares, unha cifra inferior á que lle daban enquisas e sondaxes en meses anteriores e que apontaban a que o partido de Pablo Iglesias superaría a barreira dos 50 deputad@s. Ciudadanos obtería entre 20 e 21 parlamentares. 

Aauxe destas 2 novas forzas 'págana' en grande medida IU e UPyD. Izquierda Unida pasaría dos 11 escanos que ten agora a entre 3 e 5, o que pon no fío da navalla a posibilidade de ter grupo parlamentar. Peor aínda se lle presenta o panorama a UPyD que, en base a esta sondaxe, ficaría fóra do Congreso.

O Soberanismo

No que corresponde á presenza de forzas nacionalistas, alén do BNG (Galiza), obterían representación unha decena de formacións. En Euskal Herria, tres. A principal delas, o PNV, partido ao que o inquérito concede entre 5 e 7 representantes (agora ten 5), seguido de Amaiur: a coligazón da esquerda abertzale obtería 5 ou 6 deputad@s (agora posúe 7). Geroa Bai recuncaría cun representante, o mesmo que posúe agora.

No que se refire ao panorama dos 'Paisos Cataláns', a división de CiU (que obtivo 16 representantes en 2011) minguaría a presenza deste nacionalismo no Congreso, pois Convergència tería entre 7 e 8, e Unió 2 ou 3. Esquerra (ERC) experimentaría un forte auxe, pois tería na Cámara española 8 ou9 deputad@s fronte aos 3 que posúe agora. O independentismo anti-capitalista da CUP entraría no Congreso, pois o traballo de Celeste-Tel concédelle 1 ou 2 parlamentares. Compromís saltaría de 1 escano a 3 ou 4 e MÉS obtería 1.

Comentarios