BNG mantén as cabezas de lista polas 4 circunscricións para o 5-A: Pontón, Bará, Rodil e Presas

As listas incluirán as seis parlamantares nacionalistas desta lexislatura.
Grupo BNG no Parlamento
photo_camera Grupo parlamentar do BNG: Luis Bará, Olalla Rodil, Ana Pontón, Montse Prado, Xosé L. Rivas 'Mini' e Noa Presas.

A dirección do Bloque Nacionalista Galego (BNG) premiou o traballo parlamentar realizado na lexislatura que acaba de rematar e situará Olalla Rodil, Noa Presas e Luís Bará como cabeza de lista por Lugo, Ourense e Pontevedra, respectivamente.A Executiva da fronte nacionalista propón a inclusión nas listas de todo o grupo parlamentar após recibir o apoio unánime da militancia.

A súa candidata á Xunta e portavoz nacional, Ana Pontón, encabeza a candidatura pola circunscrición Coruña, de maneira que as nacionalistas sitúan unha muller como primeira nas listas de tres das catro circunscricións.

O Consello Nacional aprobará este sábado, 29 de febreiro, as listas coas que o BNG acudirá aos comicios do 5-A, sobra as que a portavoz nacional e candidata á presidencia da Xunta anunciara querían combinar renovación, xuventude e experiencia.

Ademais das cabeza de lista, tamén estarán Montse Prado, na candidatura de Pontevedra -segunda-, e Xosé Luís Rivas 'Mini', na da Coruña, como número dous.

O Bloque, con todas as enquisas en contra e unha situación complicada tras as escisións de 2012, logrou situarse no Parlamento da Galiza cun grupo propio e seis deputados, que agora son recompensados ​​polo traballo realizado.

"Referendo das bases ao traballo político"

"Esta proposta supón un referendo das bases ao traballo político, de denuncia e de presentación alternativas desenvolvido polo grupo parlamentario, incluído o seu labor de defensa de todas as cuestións claves para a maioría social do país", indican desde a fronte nacionalista.

Apostamos por poñer as mellores persoas para darlle confianza aos galegos e as galegas sobre a solvencia do proxecto do BNG para liderar o cambio real a partir do 5 de abril”, salientou Pontón, “apostamos por aquelo que funciona, por persoas capaces e formadas que lle deron voz aos grandes problemas da sociedade galega e esta experiencia é un valor que enriquece ás candidaturas do 5A”.

Comentarios