BNG e EH Bildu asinarán a coligación ás europeas esta sexta feira en Bilbo

Final do suspense: o BNG irá ás europeas con EH Bildu, en congruencia co votado nas asembleas comarcais da frente. A determinación da CUP de non concorrer a este proceso criara unha situación nova. Esta segunda feira, Vence anunciou que os órgaos do BNG tomarían unha decisión. A decisión é ir con Bildu.

photo_camera Executiva do BNG

Segundo puido saber Sermos Galiza, foi a Executiva Nacional do BNG o órgao que, en dúas sesións, avaliou todos os dados disponíbeis a respeito da mellor fórmula de concorrencia ás eleccións europeas. Finalmente, a organización frentista inclínase por manter o acordo con EH Bildu e, portanto, non contempla a hipótese de se asociar neste proceso eleitoral con Esquerra Republicana de Catalunya.

A decisión da EN foille comunicada á militancia do BNG -que apoiara a opción EH Bildu-CUP de forma masiva, con máis do 80% de apoios- a meio dunha comunicación por escrito asinada polo secretario de Organización, Bieito Lobeira.

Na comunicación, Lobeira pondera o "método participativo e democrático" seguido no BNG para definir "a nosa política de alianzas" nas eleccións ao Parlamento europeu.

O secretario de Organización e tamén director da campaña eleitoral do BNG enfatiza que a formación nacionalista partiu sempre dunha premisa: a participación libre e en pé de igualdade do BNG nunha coligación de nacións sen Estado, "sen subordinación a ningunha organización de obediencia estatal".

A coligación non será a tres nacións, senón a dúas, mais non por falta de vontade do BNG, senón pola decisión soberana da CUP adoptada no Consello Político da formación independentista catalá o pasado 9 de Marzo.

Só un día despois da CUP resolver non concorrer ás eleccións, Xavier Vence anunciou en conferencia de imprensa que a dirección do BNG analisaría a nova situación e resolvería se ir con EH Bildu ou con ERC.

Explica Bieito Lobeira na comunicación á militancia que na toma de decisión definitiva tivo un peso determinante "á lealdade ao proceso democrático posto en marcha na nosa organización", en alusión á participación de arredor de 1.500 militantes nas asembleas comarcais que se realizaron de maneira practicamente simultánea en todo o país para decidir a forma de concorrencia do BNG ás eleccións ao Parlamentou europeu.

O secretario de Organización resalta aínda que apartir de agora a prioridade política do BNG consiste en "traballar politica e socialmente para obter os mellores resultados".

Pon en destaque Lobeira que o BNG "desenvolverá a súa propia campaña, co seu programa específico, en función exclusiva dos intereses nacionais de Galiza e con papeletas do propio BNG" [a lexislación vixente permite que, aínda facendo parte dunha coligación, as forzas políticas apresenten as súas proprias papeletas ao proceso eleitoral].

Esta sexta feira, senllas delegacións das organizacións soberanistas asinarán o acordo de coligación en Bilbo. 

Comentarios