Parlamento

Unanimidade do Parlamento para tramitar unha estratexia contra a soidade non desexada

O BNG logrou un acordo unánime na Comisión de Sanidade, decorrida no Parlamento galego, para tramitar a ‘Estratexia de prevención e atención da soidade non desexada’.
Comisión de sanidade e política social do Parlamento (Foto: Parlamento da Galiza).
photo_camera Comisión de sanidade e política social do Parlamento (Foto: Parlamento da Galiza).

O BNG logrou un acordo unánime na Comisión de Sanidade, decorrida no Parlamento galego, para tramitar a ‘Estratexia de prevención e atención da soidade non desexada’.

A través dunha proposición non de lei, defendida pola portavoz de Dereitos sociais do BNG, Olalla Rodil, o Goberno galego deberá remitir ao Parlamento, antes de que remate o ano, a ‘Estratexia de prevención, atención e abordaxe integral da soidade non desexada’ para o seu debate e tramitación na Cámara galega.

Na defensa da proposta, a parlamentaria do BNG salientou que Galiza “experimentando nos últimos anos un incremento progresivo no número de persoas que viven soas, cada vez de maior idade”, pasando na última década de 229.993 fogares unipersoais en 2011 a “247.557 no ano 2021” maiormente, dixo, conformados por mulleres en 56,8%.

A metade deses fogares, explicou Rodil, constituídos por unha persoa maior de 65 anos e formados por mulleres que viven soas, en 88.669 fogares.

Para a nacionalista, “combater a soidade non desexada e o illamento social” constitúe un dos desafíos da nosa época pois este complexo fenómeno, multicausal e subxectivo, pode afectar a calquera persoa ao longo das diferentes etapas do ciclo vital e esta  considerado pola Organización Mundial da Saúde (OMS) como “un dos maiores riscos para o deterioro da saúde favorecendo as situacións de dependencia”.

No BNG, engadiu a nacionalista, defendemos o dereito a unha vellez digna e mudar o enfoque das políticas públicas situando no centro a vida ás persoas. Apostamos por “deseñar un novo modelo de coidados baseado na prevención da dependencia, a promoción da autonomía persoal e unha rede de servizos públicos forte que permita garantir o máximo benestar das persoas, máis ou menos dependentes”. Con este enfoque elaboramos a Proposta de lei galega de residencias cuxa tramitación vetou o Partido Popular, criticou.

Hoxe, incidiu a deputada, volvemos a traer ao Parlamento galego, “ese dereito a unha vellez digna e un novo modelo de coidados no fogar para as persoas que viven soas, e máis concretamente as que viven soas sen desexalo”.

Dereito a vellez digna

Tras lembrar o acordo parlamentario do ano 2021 no cal a conselleira de Política social se comprometía a publicar a ‘Estratexia para abordar de maneira integral a soidade non desexada’, a día de hoxe, afirmou a nacionalista, descoñecemos se foi, polo menos redactada.

“Abordar a soidade non desexada e sobre todo o seu impacto social era urxente en 2019 e  despois da pandemia aínda máis”, recalcou Rodil.

“Temos a obriga de garantir unha vellez digna” e sobre todo para esas persoas que viven soas e en extrema vulnerabilidade porque a soidade e o illamento social “non é un problema individual. Podemos vivir nun bloque de edificios rodeadas de moitas persoas e sentirnos máis soas que nunca, esta é a situación que hai que reverter tanto nas zonas urbanas como no rural. Temos que recuperar valores de comunidade implicando ás administracións públicas e os servizos públicos”, apuntan desde o Bloque.

Comentarios