O BNG levará o conflito de Sarria e a actuación da Garda Civil ao Parlamento español

A deputada da fronte nacionalista no Congreso d@s deputad@s, Rosana Pérez, preguntará ao Ministerio de Interior pola "desmedida" actuación da Garda Civil no despexo d@s activistas e demandará un "estudo de impacto ambiental" sobre o proxecto de encauzamento do río Sarria. 

O conflito de Sarria chegará ás Cortes españolas da man do BNG. Após re-iniciárense as obras e seren posteriormente paralizadas por orde xudicial, a organización frontista preguntará na Cámara baixa pola actuación dos axentes da Garda Civil que interviron no despexo d@s activistas cando tentaban paralizar a tala dos ameneiros. 

Segundo o Bloque, a acción do instituto armado foi "desmedida" polo instan o Ministerio de Interior a explicar cales foron as razóns que motivaron tal actuación. Neste senso, cumpre salientar que foi por orde da Subdelegación de Goberno que interviron.

Unha actuación "desmesurada"

“Foi desmesurada a presenza de efectivos da Garda Civil e a súa actuación ante a xente que alí permanecía”, subliña a deputada nacionlista, Rosana Pérez, na súa pregunta formulada ao secretario de Estado ministerial. 

Doutra banda, o BNG preguntará á Confederación Hidrográfica Miño-Sil “por que se actúa deste xeito, xusto despois de ter anunciado un cambio no proxecto a executar, e por que se comeza a tala de árbores baixo a protección policial”. Para a organización frontista  resulta “incrible que unha administración poida actuar desta maneira e iniciar unha actuación deste tipo sen contar cos permisos necesarios”. 

Asemade, a fronte nacionalista chama o movemento veciñal organizado arredor da Pletaforma Sarriana polo Río a "manterse activado" para procurar "parar esta desfeita". 

Comentarios