O BNG levará ao TC o veto ao debate da transferencia da AP-9

Esta segunda feira 4 de decembro, o BNG apresentará un recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional contra o veto do Goberno Rajoy á tramitación no Congreso da proposición de lei de transferencia da AP-9. Así o anunciou esta sexta feira a portavoz nacional da formación, Ana Pontón, durante unha conferencia de imprensa.

Ana Ponton
photo_camera Ana Pontón

Para a líder do BNG, o boicote á tramitación da iniciativa lexislativa do Parlamento Galego no Congres supón “un auténtico atropelo democrático” que non só vulnera “os nosos dereitos como deputadas e deputados”, senón que é “un desprezo ao conxunto dos galegos e galegas”.

“Estáselle a dicer ao pobo galego que non ten direito a reivindicar melloras como unha rebaixa das peaxes e unha tramitación e xestión da AP-9 desde Galiza”, denunciou Pontón. No recurso de amparo, o BNG solicitará que se anule o acordo da Mesa do Congreso dos Deputados polo cal -e tal como lle demandaba o Goberno Rajoy- se veta a tramitación da transferencia da Autoestrada do Atlántico. “Trátase tamén de restablecer a propia dignidade deste Parlamento”, apuntou Pontón.

A dirixente nacionalista tamén se amosou “consciente de quen é o Tribunal Constitucional”, admitindo que desde o a fromación manteñen “todas as cautelas respecto deste organismo [da súa independencia de criterio a respeito do poder executivo]”, mais tamén defendeu que se trata “da única vía que podemos utilizar para defender os intereses de Galiza, polo que non imos tirar a toalla en demandar unha xestión máis eficaz desta infraestrutura”.

Pontón sinalou o Partido Popular e a presidenta do Congreso, Ana Pastor, como principais responsábeis do veto, aínda que tamén sinalou Alberto Núñez Feijóo, como “cómplice”. “Máis unha vez, vemos como nos momentos chave, o presidente da Xunta de Galiza nin está nin se lle espera, prégase á primeira de cambio e é incapaz de enfrontarse ao señor Rajoy para defender o que lle convén a este país e ás galegas e galegos”, acusou a nacionalista.

Máis de 2.500 millóns de euros dos petos galegos

A AP-9 é actualmente unha das tres únicas autoestradas do Estado español que esgota o máximo permitido para manter peaxes. Audasa, a empresa concesionaria, acumula beneficios que superan os 900 millóns de euros e, segundo dados achegados pola voceira nacional do BNG, son xa máis de 2.500 millóns de euros os gastados por galegas e galegos nesta vía de transporte.

“Galiza, con só 6% do territorio do Estado español, concentra 10% dos quilómetros de autoestrada de peaxe de todo o estado”, resumiu Pontón. “Esta situación, amais de ser un auténtico abuso e unha estafa para Galiza, é un hándicap para as nosas empresas e cidadáns, que sofren tamén unha discriminación por ingresos e vense obrigados a circular por vías con máis siniestralidade [ao non haber vías alternativas de calidade libres de peaxe]”, concluíu.

Comentarios