O BNG levará ao Congreso a ‘provocación’ do exército español no Día da Patria Galega

Quer coñecer o custo dunha exhibición que  cualifica de “provocadora e innecesaria”.

provocacións exército

O equipo de acrobacias aéreas do exército español pintou no ceo unha bandeira española sobre os asistentes á manifestación do Día da Patria Galega, xerando os apupos e asubíos de miles de participantes na mobilización.

Os avións pasaron até en dúas ocasións por riba da mobilización do BNG, debuxando no ar as cores da bandeira de España. “Independencia”, “Que queiran que non, Galiza é unha nación” ou o cántico de “Galegas somos, galegas, seremos, por españolas nunca pasaremos” foi a resposta das manifestantes a esa ‘pasada’ dos avións.

Unha exhibición que o BNG xa anunciou que vai levar ao Congreso. O deputado nacionalista na Cámara española, Néstor Rego, anunciou na súa conta de twitter que “rexistraremos unha iniciativa para que o Goberno español explique canto custou (cos nosos impostos) esta exhibición provocadora e innecesaria e aínda, canto contaminou os ceos de Compostela”.

O anuncio no seu día de que o exército español ía facer esta acción non pasou desapercibido nas redes sociais: "De quen sería esa idea? No día de reafirmación da identidade da Galiza, onde millares de persoas se deslocan a Compostela para se manifestar e exixir respecto, o Exército español fará iso? Máis unha provocación a listar que só contribúe ao sentimento de independencia", sinala un usuario.

Comentarios