O BNG leva ao Congreso a irrupción da policía española no acto da Coruña pola memoria histórica

Pregunta ao Ministerio do Interior as razóns do despregamento e polo incumprimento da Lei de Memoria Histórica.

BNG A Coruña
photo_camera [Imaxe BNG A Coruña]

A deputada do Bloque no Congreso español, Rosana Pérez, rexistrou esta segunda feira (11 de maio) unha pregunta dirixida ao Ministerio do Interior para a súa resposta escrita en relación coa irrupción da policía española nun acto convocado pola candidatura do BNG-AA na Coruña. 

A acción, que consistía na substitución da placa que sinala a Rúa 'General Mola' por outra que puña ‘Fonte de Santo André’ rematou co candidato á alcaldía, Xosé Manuel Carril, identificado. 

Desde a organización frontista preguntan a Interior as razóns de se presentaren os axentes policiais, mesmo de secreta, e se non coidan "desproporcionado" e mesmo "ilegal" a súa actuación. 

"De verdade que unha democracia pode permitir esta vergoña?", preguntan desde o Bloque

Rosa Pérez sinala na pregunta rexistrada que o acto, de carácter "simbólico", visaba reivindicar o cumprimento da Lei de Memoria Histórica de 2007 e a resolución municipal aprobada en 2009 pola que se fixa a retirada da simboloxía franquista que se mantén no Concello da Coruña. 

"Merece o Xeneral Mola unha placa na cidade de A Coruña? De verdade pode o Goberno defender isto sen provocarlle ningunha contradición?", pregunta a deputada nacionalista quen lembra o escudo franquista que aínda se mantén en María Pita. 

"É normal que nun sistema democrático se dediquen rúas, monumentos ou nomes de colexios a personaxes reseñábeis da ditadura de Franco? De verdade que unha democracia pode permitir esta vergoña?", sinalan. 

Comentarios