O BNG lanza unha recollida de sinaturas contra a "incautación" dos remanentes do Concello de Vigo

O BNG de Vigo vén de impulsar unha campaña nas redes para opoñerse ao intento de incautación por parte do Ministerio de Facenda dos remanentes e excedentes orzamentarios municipais e para reclamar que o Concello poida dispoñer libremente do total dos seus aforros, cifrados nuns 67 millóns de euros. 
Xabier Pérez Igrexas (Foto: Nós Diario).
photo_camera Xabier Pérez Igrexas.

A recollida de sinaturas ponse en marcha a través da plataforma Change.org, co obxectivo de "forzar unha rectificación e esixir o dereito da cidade de dispoñer dos seus propios recursos". “Chamamos as viguesas e os vigueses a se mobilizar nas redes sociais e a través desta recollida de sinaturas, para obrigar o Goberno español a que desista deste intento de roubo do diñeiro que é da cidade, para que o Concello poida usalo para atender as necesidades da veciñanza”, sinala o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas.

Igrexas, defende que estes recursos “permitirían despregar medidas moi importantes para enfrontar as consecuencias da pandemia, para alargar as políticas sociais e evitar que nigunha viguesa e ningún vigués quede atrás, e tamén para fortalecer o noso tecido produtivo e comercial e crear as condicións para xerar emprego”.

“O PP inmobilizou os remanentes, coa centralista e reaccionaria Lei Montoro, e agora o PSOE pretende entregarllos a Madrid. No momento no que son máis necesarios eses remanentes, Facenda pretende incautar 65% dos aforros de Vigo”, advirte o concelleiro.

Nese sentido, o Bloque cesura a posición do alcalde, Abel Caballero, "que pasou de reivindicar o uso dos remanentes a patrocinar, como presidente da FEMP, este intento de apropiación por parte do Goberno central".

Comentarios