BNG lanza o manifesto 'Construíndo futuro'

"Non son tempos de localismo, senón de alternativas globais para un pobo que se auto-organiza e non se resigna a ser anulado", afirma o Bloque nun texto presentado por Vence.

BNG
photo_camera BNG

O BNG presentou esta segunda feira (8 de setembro) un manifesto intitulado 'Construíndo futuro'. Através deste documento, a organziación nacionalista pon en andamento a "primeira fase" dunha campaña máis ampla que visa, explicou Xavier Vence en comparecencia de imprensa, "ensanchar a base social" do Bloque e artellar unha alternativa política "lusionante" que pase pola incorporación de ideas e propostas achegadas por todas aquelas persoas que decidan participar nas asembleas abertas que @s nacionalistas convocarán ao longo e ancho do país. 

Este proceso está "aberto a todos, tamén aos non nacionalistas", explicou Vence. Porén, o voceiro do Bloque aclarou --en alusión ás iniciativas políticas denominadas 'mareas'-- que "non se lle pode furtar a Galiza unha proposta nacionalista" que ten por obxecto, dixo, "despexar" o "centralismo do PP e as políticas neoliberais" do poder.

O Bloque defende a necesidade de Galiza contar cunha "expresión política propia" comprometida, din, coa defensa do país

Definir un "proxecto claro e de futuro" para conformar unha "alternativa ilusionante". Ese é o horizontes que se marcan @s nacionalistas para os vindeiros meses en que se desenvolverán asembleas abertas á cidadanía mais nas que tamén pretenden "socializar a experiencia do BNG". Neste senso, Xavier Vence puxo en valor os gobernos municipais como os de Carballo, Allariz ou Pontevedra como exemplo dos "modelos do BNG", subliñou. 

A proposta lanzada pola formación nacionalista defende a necesidade, indicou, "dunha expresión política propia" para Galiza "adaptada á nosa nación e comprometida coa súa defensa e liberación", segundo o texto difundido esta segunda feira. 

Na comparecencia de imprensa, Xavier Vence estivo acompañado polo xornalista e músico, Xurxo Souto, e pola produtora radiofónica, Concha de la Fuente, que apoiaron coa súa presenza a campaña do Bloque e animaron a "tomar a palabra" a toda a cidadanía, comezando polas mulleres, sinalou De la Fuente ao lanzar un chamado a que estas se "impliquen" no debate e a confrontación de ideas. 

Comentarios