BNG lanza 'Galiza, a forza que nos une'

Trátase dunha campaña coa que a organización frontista quere pór en valor o traballo feito polas dúas deputadas nacionalistas no Parlamento español.

BNG
photo_camera [Imaxe BNG]

Rosana Pérez e Olaia Fernández Davila, deputadas do BNG no Congreso español durante esta lexislatura, compareceron esta segunda feira xunto co portavoz nacional da organización frontista, Xavier Vence, para presentar a campaña 'Galiz, a forza que nos une'. Unha iniciativa coa que o Bloque quere explicar o traballo desenvolvido durante este mandato nas Cortes españolas.  

"Os momentos de Galiza no Congreso son os momentos en que intervén o BNG, así desde 1996", sinalou Fernández Davila quen xunto Rosana Pérez salientou o labor das parlamentares nacionalistas focado, dixo, na oposición aos "ataques" do PP contra os servizos públicos, a defensa do sector industrial e das infraestruturas. Do naval, a tarifa eléctrica galega, a AP-9 ou a defensa dunhas infraestruturas ferroviarias con todas as garantías -coa traxedia de Angrois como pano de fondo. 

Pola súa banda, o voceiro nacional da organización frontista aproveitou para reiterar a aposta do BNG nunha "candidatura galega de unidade", un feito que cualificou como "crucial" para a defensa dos intereses de Galiza. 

Vence apuntou o traballo desenvolvido polas dúas deputadas do Bloque como “a mellor demostración da importancia para Galiza de ter grupo parlamentario propio cunha candidatura galega de unidade, que lle dará moita máis forza ao noso país nunha lexislatura sen maiorías absolutas con debates vitais para definir o futuro das nacións”. 

Neste senso, subliñou "todas as persoas e forzas son necesarias". 

Comentarios