EN COINCIDENCIA CO 36 ANIVERSARIO DUNHA CONSTITUCIóN “MORDAZA”

O BNG lanza a campaña “Que non che coman o coco, temos un país de primeira”

Mentres o establishment do réxime celebrará o 36 aniversario da Constitución española, o BNG despregará unha campaña baixo o lema “Que non che coman o coco, temos un país de primeira”.

QUE NON CHE COMAN O COCO
photo_camera Montse Prado e Xavier Vence

A campaña presentáronna, na sede nacional da formación frentista, a secretaria de Imaxe e Propaganda, Montse Prado, e o portavoz nacional, Xavier Vence.

A pretensión do BNG é reivindicar unha Galiza “en positivo” fronte á “imaxe interesada” que o Estado español vende do país, a dunha Galiza subsidiada que depende “de papá Estado”.

Fronte á marca España, a marca Galiza, veu dicer Montse Prado. “Que non nos conten milongas e sintamos o orgullo de ter un país de primeira”, dixo a secretaria de Imaxe e Propaganda do BNG, quen receitou unha inxección de autoeestima ás galegas e aos galegos. Para espallar estas ideas, o BNG difundirá “masivamente por todo o país folletos informativos” e realizará “actos abertos  á cidadanía”, informa o Bloque a meio dunha nota de imprensa.

O lanzamento da campaña coincidirá no tempo cos fastos que o establishment realizará co motivo do 36 aniversario dunha Constitución que o BNG alcuña como “Constitución Mordaza”.

Vence apela ao déficit fiscal e ao "buraco negro" do sector eléctrico para demostrar que Galiza si sería viábel se rachar a dependencia política

“Pensemos en positivo, que non nos coman o coco con esa idea de que somos un país sen capacidade e sen potencialidade, como un país que precisa de papá estado para saír adiante como nos queren vender os que compran o discurso centralista e madrileño”, afirmou na súa intervención o portavoz nacional, Xavier Vence.

O líder nacionalista apelou ao déficit fiscal do país -a sociedade galega recebería menos do que achega ao Estado en impostos- e ao “buraco negro” do sector eléctrico -continuamos sen nos beneficiar do excedente eléctrico que producimos- para demostrar que Galiza si sería viábel se rachar a dependencia política.

Comentarios