O PP gastou 2.077.811 euros durante a campaña das pasadas eleccións galegas

O BNG investiu 450.451 euros e o PSOE 1.994.471 euros nos pasados comicios ao Parlamento de xullo

O Consello de Contas da Galiza vén de validar a contabilidade electoral dos pasados comicios de xullo das forzas políticas con representación parlamentaria. O PP foi a formación máis gastadora cun investimento de 2.077.811 euros, seguida do PSOE con 1.994.471 euros e do BNG con 450.451 euros.
Cidadáns exercendo o dereito ao voto nos comicios galegos decorridos en xullo de 2020. Foto Europa Press
photo_camera Cidadáns exercendo o dereito ao voto nos comicios galegos decorridos en xullo de 2020. (Foto: Europa Press)

O pasado 28 de decembro o pleno do Consello de Contas da Galiza aprobou o informe de fiscalización das contabilidades electorais dos comicios ao Parlamento da Galiza de 12 de xullo. A proposta do ente de supervisión da Administración galega non mereceu ningunha alegación das forzas políticas sometidas a control, se ben serviu para constatar as grandes diferenzas nos gastos de campaña entre cada unha delas. Así as cousas, o orzamento para eses comicios do Partido Popular (PP) multiplica case por catro o gasto do Bloque Nacionalista Galego (BNG).

O PP declarou gastar na campaña electoral 2.077.811 euros. Segundo sinala o informe do Consello de Contas, a totalidade dos ingresos procederon de axudas institucionais e de achegas do partido, concretándose os gastos en 346.538 euros para “publicidade exterior”, 310.037 euros para “publicidade en prensa e radio” e 1.024.473 en “outros gastos”, que incluíu, entre outros, a contratación de persoal para a campaña ou a produción dos actos electorais. Ao tempo, os populares destinaron 396.845 euros a “envío de propaganda electoral” aos domicilios, coñecido popularmente como mailing.

O BNG dedicou ao proceso electoral 450.451 euros. O groso dos ingresos dos nacionalistas, 351.561 euros, procederon das achegas das cotas extraordinarias dos militantes, correspondéndose o restante con subvencións institucionais. Pola súa banda, a organización gastou 3.811,50 euros en “publicidade exterior”, 35.077,15 euros en “publicidade en prensa e radio”, 249.183 euros en “outros gastos” e 162.379 euros en “envío de propaganda electoral”. Segundo sinalan a Nós Diario fontes da dirección do BNG, unha das razóns que explica a diferenza de 775.335 euros en concepto de “outros gastos” entre populares e nacionalistas é a non contratación persoal para a campaña, realizado de modo case exclusivo por afiliados e simpatizantes.

O PSdeG-PSOE destinou 1.994.471 euros aos comicios de xullo. O orzamento cubrírono con achegas do partido e institucionais e cun crédito bancario de 700.000 euros formalizado o 1 de xullo de 2020. Os socialistas destinaron 349.455 euros a “publicidade exterior”, 338.322 euros a “publicidade en prensa e radio”, 796.166 euros a “outros gastos”, 500.324 euros a “envío de propaganda electoral” e 10.616 euros “a gastos financeiros”.

Neste sentido, membros da executiva recoñecen que os resultados electorais finais, onde a formación ficou por baixo das expectativas previstas, deixou á organización nunha situación financeira complicada ao reducirse as achegas institucionais en función do número de votos.

Diñeiro e votos

A correspondencia entre o diñeiro empregado na campaña electoral e os resultados finais é diverxente. Neste sentido, o PP cun investimento de 2.077.811 obtivo 42 representantes, polo que cada deputado custou 49.471 euros. Pola súa banda, o BNG, cun gasto de campaña de 450.451 euros logrou 19 actas, polo que cada parlamentario saíu a 23.707 euros. Por último, o PSdeG-PSOE, cun gasto electoral total de 1.994.471 euros, ficou en 14 escanos, polo que o valor de cada electo na Cámara galega alcanzou os 142.462 euros.

A diferenza do investido entre ambas as formacións vén marcado polo nivel de externalización da campaña e polo mailing. Así, na pasada campaña o BNG limitou o envío electoral a unha papeleta por cada casa nun soporte de baixo custo, mentres que PP e PSdeG-PSOE remitiron propaganda individualizada en sobre a cada un dos membros da unidade familiar. Neste sentido, volveuse testar, mesmo nunha conxuntura marcada pola pandemia que podía animar a non coller o sufraxio no colexio electoral, o escaso efecto do mailing na conformación do resultado final, algo certificado nas diversas convocatorias coas urnas.
 

Comentarios