BNG insta a Xunta a "parar o ERE" en Vestas que afecta 115 persoas

Rego ve inxustificados os despedimentos.
Néstor Rego co persoal de Vestas en Viveiro (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego co persoal de Vestas en Viveiro (Foto: Nós Diario)

Diante do anuncio do fechamento da fábrica da multinacional eólica Vestas en Chavín (Viveiro), o BNG chama a Xunta a deixar de "situarse de perfil" e "parar o ERE" que afecta aos 115 empregados da factoría. 

O deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, e mais Daniel Castro, parlamentario nacionalista na Cámara galega, reuníronse esta sexta feira, 8 de outubro, co comité de empresa de Vestas, nunha xornada en que os traballadores protagonizaron unha nova protesta diante da factoría.

Rego declarou que non hai razóns para un ERE extintivo pois "non é unha empresa que estea a dar perdas" e, pola contra, estase a vivir un "boom eólico". Por iso, reclamou ás Administracións que traballen para que se manteña activa a fábrica co emprego a 100%.

Tamén emprazou o Goberno estatal a intervir para frear a pretensión da multinacional danesa de fechar a actividade, así como a derrogar a reforma laboral, dado que cre necesario recuperar a autorización previa da Administración para os ERE.

Pola súa banda, Daniel Castro remarcou que o Bloque iniciou unha "ofensiva" institucional no Congreso e na Cámara galega para que se dea marcha atrás ao ERE e haxa unha plan de emprego de industrialización na Mariña. Igualmente, o BNG requiriu que se garanta que os proxectos eólicos que se autoricen conten cunha "alta porcentaxe" de construción, compoñentes e emprego radicado na Galiza.

Sanidade en Ferrolterra

Noutra orde de asuntos, o deputado do BNG na Cámara galega Ramón Fernández demandou esta sexta feira "a mellora da asistencia sanitaria" nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal "cun reforzo do persoal, a ampliación dalgúns centros de saúde e a redución das listas de agarda".

O parlamentario pronunciouse deste modo en declaracións aos medios ante o ambulatorio Fontenla Maristany de Ferrol. Denunciou que neste centro de saúde "hai problemas de espazo" para poder situar os médicos na quenda de mañá, cuestión que motiva que "algúns profesionais pidan destino noutros sitios".

Unha problemática que Fernández extrapolou a outros consultorios con problemas situados en Cabanas, Monfero, Pontedeume ou mesmo Mugardos e que, segundo indicou, convertéronse "nun clamor social ante as deficiencias sanitarias que nada teñen que ver coa pandemia". "Isto vén de doce anos de Goberno de Feixoo", dixo. Sostivo que a situación "está a provocar prexuízos graves ás persoas enfermas" debido ás demoras que mesmo "poden ter graves consecuencias", como "na lectura de probas diagnósticas".

Comentarios