Futbol gaélico

O BNG insta a Xunta a apoiar as seleccións deportivas nacionais e a súa participación internacional

O Bloque demandou no Parlamento Galego apoio económico por parte da Xunta para as seleccións galegas de fútbol gaélico. Para o deputado nacionalista Luís Bará a proxección e o éxito internacional que as equipas galegas teñen, fai que estas actúen como “embaixadoras do noso país” e desexou os mellores resultados para as seleccións nacionais de fútbol gaélico, a feminina e a masculina, que participarán a partir do 28 de xullo nos campionatos mundiais deste deporte.

A selección galega após xogar en Lorient no Gaelic Euro 2018 [Imaxe @selegalega]
photo_camera A selección galega após xogar en Lorient no Gaelic Euro 2018 [Imaxe @selegalega]

Co obxectivo de que a Xunta de Galiza apoie as seleccións deportivas galegas o grupo parlamentario do BNG apresentou unha serie de iniciativas encamiñadas a promovelas e a apoiar economicamente a súa participación en competicións internacionais.

“Para o BNG as seleccións deportivas galegas son un símbolo da identidade nacional, da cohesión social, da autoestima e da capacidade da Galiza como pobo”, afirmou Bará

Demandaron tamén desde o Bloque que o goberno galego se implique en dar apoio ás seleccións nacionais masculina e feminina de fútbol gaélico, que están actualmente na elite mundial deste deporte.

Ambas as seleccións nacionais, a feminina e a masculina, participarán en Waterford e Dublín nos GAA Word Games, os campionatos do mundo de fútbol gaélico e que se realizarán entre o 28 de xullo e o 1 de agosto. Así pois o Bloque Nacionalista Galego expresou o seu apoio aos combinados nacionais galegos e desexoulles “os mellores éxitos para que sigan sumando logros internacionais”.

Xa no anterior mundial, o éxito de ambas as dúas ficou patente, facéndose a selección feminina co primeiro posto e a masculina conseguindo o subcampionaro no europeo de fútbol gaélico de 2018 celebrado en Lorient, Bretaña.

Bará lamentou que a pesar da “brillante traxectoria internacional das seleccións nacionais de fútbol gaélico, estas non contan co necesario apoio da Xunta”

O deputado nacionalista Luís Bará lamentou que a pesar da “brillante traxectoria internacional das seleccións nacionais de fútbol gaélico, estas non contan co necesario apoio institucional do goberno da Xunta”, o que as obriga, como explicou “a depender de patrocinios privados, de colaboracións de concellos e dunha campaña de recadación de achegas particulares.

“Para o BNG as seleccións deportivas galegas son un símbolo da identidade nacional, da cohesión social, da autoestima e da capacidade da Galiza como pobo”, afirmou Bará. A súa proxección e éxito internacional “fai que actúen como embaixadoras do noso país e trasladen ao mundo unha imaxe positiva do que somos e do noso inmenso potencial colectivo”, salientou o deputado nacionalista e promotor destas iniciativas no Parlamento Galego.

Comentarios