VENCE REXEITA O GRUPO PARLAMENTAR "SUCEDÁNEO" PARA "UNIR ESPAÑA" DE ERREJÓN

O BNG insta a unha participación masiva de militancia e cidadanía nas primarias de IpU

O Consello Nacional do BNG fixo hoxe un chamado á participación da cidadanía e da militancia a participar nas eleccións primarias de Iniciativa pola Unión, plataforma da que participa a formación nacionalista de cara á configuración dunha candidatura galega ás eleccións xerais.

[Imaxe: BNG]
photo_camera [Imaxe: BNG] Consello Nacional

O Consello Nacional do BNG apela a unha participación masiva da cidadanía e da militancia nas eleccións primarias de IpU, tanto para elixir persoas candidatas como para se postular unha persoa como candidata a conformar a listaxe de unidade. Así o salientou o portavoz nacional, Xavier Vence, en declaracións aos medios, quen lembrou que o censo continúa aberto e quen puxo de manifesto que calquera pode candidatarse sempre e cando presente un total de 25 avais, tal e como recolle o regulamento aprobado no seo de IpU.

Vence afirmou que a formación nacionalista "vai apoiar xente que é do BNG e xente que non é do BNG, que é independente, nun proceso que se formalizará coa presentación de candidaturas a partir da semana que vén”. Así, cualificou o proceso de primarias como “dos máis participativos que se teñen ensaiado en ningún outro territorio”. O proceso, explicou, "é absolutamente aberto á cidadanía, non se lle pide o carné a ninguén e calquera persoa que desexe pode participar".

A candidatura “debe estar nutrida por persoas que sexan o fiel reflexo desa cidadanía rebelde, galega que aspira ao recoñecemento de Galiza como nación, e que quere participar para defender este país no Congreso na vindeira lexislatura en todas as dimensións", sinalou Vence ante os medios.

"Non queremos sucedáneos"

En relación ás declaracións de Íñigo Errejón no día de onte, Vence sinalou que "estamos coa mellor disposición até o último momento coas demais forzas políticas e plataformas que queiran compartir unha candidatura galega para ter grupo parlamentar propio, non con sucedáneos, non con mensaxes para constituír grupos parlamentarios para construír a unidade de España".
 

Comentarios