O BNG insta, máis unha vez, o goberno a habilitar sistemas para que os embarcados poidan votar

Centos de mariñeiros galegos das flotas de altura e mercante están en época electoral lonxe de Galiza, polo que non poden exercer o dereito de voto. O deputado Daniel Rodas insta ao executivo a que habilite o voto a través de internet para estes tripulantes.

Pesqueiro

Que os centos de mariñeiros galegos aos que a cita electoral colle embarcados lonxe de Galiza poidan votar. Esta é unha demanda tradicional do nacionalismo galego que o deputado do BNG Daniel Rodas volveu expor nesta quinta feira, co horizonte dos comicios europeos (25 de maio). Rodas instou ao goberno español a que habilite o voto a través de internet para que os mariñeiros das frotas de altura, gran altura e mercante (embarcacdos durante meses) poidan exercer o seu dereito ao sufraxio.

O parlamentar do BNG presentou neste sentido unha proposición non de lei no Parlamento de Galiza (semellante a outra presentada polos nacionalistas no Congreso) para pedir “medidas urxentes” coa finalidade de “garantir a participación dos mariñeiros embarcados” nos comicios. Rodas lembrou que segue sen se dar solución a un “problema” que “sempre quedou en promesas incumpridas” polo goberno.

En Suecia habilítanse mesas a bordo presididas polo capitán. En Estonia os mariñeiros nesa situación poden votar por internet

Falla de vontade política

Rodas apuntou a que a normativa actual, que require a presenza nun porto do Estado español para poder votar, é ás claras insufienciente. Hai mariñeiros galegos que pasan campañas de seis meses nas Malvinas, período no que non se achegan a un porto 'español'. E si que hai estados, con nacionais nesa situación, e que se molestaron en lles facilitar o cumprimento dese dereito. Puxo Rodas o exemplo de Suecia, onde se habilítan mesas a bordo do barco presididas polo capitán. E Estonia, onde os mariñeiros nesa situación poden votar por internetm a través do seu 'DNI' electrónico.

Se non se adoptan eses medios para os galegos embarcados é, considera Daniel Rodas, que non hai vontade política por parte dos diferentes executivos.

Comentarios