BNG insta Feixoo a deixar de "choromicar" e a reclamar vía xudicial os 200 millóns do IVE

Olalla Rodil: “É evidente que os intereses de Galiza non se defenden utilizando este país nunha estratexia de falsa confrontación para maior gloria de Casado”.

FOTO OLALLA RODIL PRESENTACIÓN PROPOSTAS DE RESOLUCIÓN

O BNG anunciou esta segunda feira que vai utilizar a sesión de control ao presidente da Xunta para pedirlle que “rectifique” e, “por unha vez”, e instarlle a que defenda os intereses do país recorrendo á vía xudicial para reclamar os 200 millóns de euros que o Estado debe a Galiza. “Con independencia de quen xerara esta débeda, que foi un ministro e un Goberno do PP, son cartos das galegas e dos galegos”, salientou a viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil.

Após lembrar que hai apenas tres meses o PP de Feixóo vetou no Parlamento unha proposta do Bloque para acudir a vía xudicial, Rodil insta o xefe do Executivo a rectificar.

“É evidente que os intereses de Galiza non se defenden nin cun arrebato epistolar de última hora para facer que fai, nin utilizando a este país nunha estratexia de falsa confrontación para maior gloria de Casado. Os intereses de Galiza deféndense desde o Parlamento, desde o Goberno e mesmo recorrendo á vía xudicial cando é necesario”, argumentou Rodil en referencia ao papel do presidente da Xunta.

A deputada nacionalista afirmou que o acordo de investidura demostrou que o BNG si que é garantía de defensa do país e asegura que Feixóo ten razóns para estar nervioso, “porque canto máis BNG, menos PP”.

Comentarios