O BNG urxe a creación dunha Lei de Artes Escénicas fronte ás consecuencias da pandemia

A deputada Mercedes Queixas aproveita o Día Internacional do Teatro para facer fincapé na necesidade de impulsar, tamén, un plan director que forneza medidas concretas para axudar á creación, produción e distribución.
Mercedes Queixas, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Mercedes Queixas, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

Con motivo do Día Internacional do Teatro, o BNG quixo hoxe defender a necesidade dunha serie de iniciativas para impulsar o mundo da cultura, e desta arte en concreto, debido as graves consecuencias que tivo a pandemia para as traballadoras do sector. Así, instan á Xunta a crear unha Lei de Artes Escénicas.

A deputada Mercedes Queixas, que se comprometeu a “traballar man a man co sector” para lograr a norma da que falan, considera que sería unha das medidas básicas “para combater a precariedade laboral agravada polas restricións da pandemia”.

Desde o punto de vista dos nacionalistas, ese documento marco -que ten que apoiar tamén o Goberno galego- tería que saír do prelo xunto cun plan director que “desenvolva medidas concretas dirixidas á creación, produción, programación e distribución” das obras.

Aliás, podería servir para “a profesionalización, o desenvolvemento económico e a difusión social” do teatro na Galiza.

A idea é atender ás demandas e achegas das e dos traballadores e elaborar un texto conxunto que realmente atenda as necesidades existentes.

“Desde o BNG seguiremos demandando do Goberno galego actuacións encamiñadas a paliar as graves consecuencias económicas da Covid-19 sobre o sector do teatro”, avisou Queixas.

Neste sentido, incide en que tanto a sociedade como a Administración teñen que lembrar que a maioría das persoas vinculadas ás diferentes vertentes da actividade teatral son “autónomas”, polo que o coronavirus e o que trouxo consigo deixounas nunha situación preocupante. 

Comentarios