domingo 23.02.2020
O espolio dos Franco

O BNG insta o concello da Coruña a emprender unha demanda xudicial para recuperar a Casa Cornide

O portavoz municipal do BNG na Coruña, Francisco Jorquera, anunciou que instará no vindeiro pleno o goberno municipal da cidade a emprender accións legais para recuperar a Casa Cornide para a titularidade pública, xa que foi “por medios fraudulentos” agasallado a Franco. A propiedade deste singular edificio segue en mans da familia do ditador.

Toma simbólica da Casa Cornide na Coruña por militantes do BNG
Toma simbólica da Casa Cornide na Coruña por militantes do BNG

Após a Avogacía do Estado ter apresentado nos xulgados unha demanda para exixir á familia Franco a devolución do Pazo de Meirás á titularidade pública, Francisco Jorquera, portavoz do BNG no concello da Coruña, anunciou esta segunda feira 15 de xullo que instará ao goberno municipal a emprender acción legais para recuperar a Casa Cornide.  

Desde o BNG saúdan a iniciativa da avogacía do Estado para reclamar xudicialmente a devolución do Pazo de Meirás e considérano un mérito do conxunto das persoas e colectivos sociais que reclamaron a devolución do Pazo, como as e os 19 de Meirás denunciados pola familia Franco, e agradeceron tamén o labor da Deputación da Coruña e de investigadores como Carlos Babío e Manuel Pérez, autores da obra Meirás, un pazo, un caudillo, un espolio.

“O espolio dos Franco non se reduciu a Meirás”, afirmou Francisco Jorquera, quen sinalou que “múltiples actores sociais reclamamos tamén a devolución da Casa Cornide"

“O espolio dos Franco non se reduciu a Meirás”, afirmou Francisco Jorquera, quen sinalou que “múltiples actores sociais reclamamos tamén a devolución da Casa Cornide para que remate en mans publicas, de onde nunca debeu saír”. Ese edificio histórico albergou a comezos do século XIX o concello e foi de titularidade pública até que, a través dunha operación fraudulenta, foi entregado á familia Franco.

A concelleira do BNG Avia Veira denunciou tamén na rolda de prensa que a operación pola que se entregou Casa Cornide a Franco realizouse través dunha “poxa amañada dun ben que foi de titularidade pública até o ano 1962”. A nacionalista sinalou que mediante esa poxa pretendeuse agochar un agasallo directo das administracións a Franco e a súa muller. “No traballo de investigación Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio, de Carlos Babío e Manuel Pérez demóstrase como se realizou unha permuta por parte do concello, Ministerio de Educación e Ministerio de Facenda e posteriormente unha poxa amañada onde participou o subsecretario do Movemento na Coruña e máis Pedro Barrié de la Maza para, finalmente, nunha suposta venda, ceder o pazo á familia Franco”, esgrimiu Avia Veira.

Avia Veira denunciou na rolda de prensa que a operación pola que se entregou Casa Cornide a Franco realizouse través dunha “poxa amañada dun ben que foi de titularidade pública até o ano 1962”

“Queda todo isto ben ilustrado na carta de Ricardo Catoria, secretario persoal de Franco a Juan Sánchez-Cortés, subsecretario do Ministerio de Facenda naquel momento”, asegurou Francisco Jorquera, quen leu un extracto desa misiva na que o primeiro comunica ao segunda a fin do prazo da poxa da “casa que tanto desexaba a súa excelencia”.

Jorquera leu nesa carta as palabras de Ricardo Catoira: “Hoxe reúnese o pleno deste concello para adxudicar a Casa Cornide a un particular e este vendela á señora -en referencia a Carmen Polo, muller de Franco-, así llo explicamos á súa excelencia por ser a mellor forma, xa que así non se fai unha adxudicación directa de bens que foron do Estado ao caudillo. Os señores -en referencia aos Franco- están encantados de ter unha casa na Coruña para que cando teña que desprazarse a señora non haxa necesidade de abrir o Pazo de Meirás, que tantas molestias ocasiona polo seu gran tamaño e número de serventes. O caudillo e a señora están moi agradecidos pola súa xestión”.

Explicou Jorquera que o concello cedera anteriormente o edificio ao Ministerio Educación para albergar nel un conservatorio, mais co obxectivo de agasallarllos a Franco e evitar facer unha transferencia directa, “o que se fixo foi unha permuta para o Estado darllo ao concello de novo a cambio duns terreos, e así o concello puido darllo a Pedro Barrié e este ao seu tempo cedeuno de inmediato a Franco”. Engadiu Jorquera a este respecto que “na figuraba unha cláusula pola que en dez anos non se podería ceder o edificio, mais o propio pleno municipal cambiou esa condición para permitir a inmediatez da cesión, tal e como se recolle no estudo de Babío e Lorenzo e tal e como figura na acta do pleno, sinalou Jorquera.

Este escrito “é revelador”, afirmou Jorquera, “de que estamos falando dunha operación fraudulenta para cumprir o antollo de Carmen Polo, quen desexaba unha casa no centro da Coruña”

Este escrito “é revelador”, afirmou Jorquera, “de que estamos falando dunha operación fraudulenta para cumprir o antollo de Carmen Polo, quen desexaba unha casa no centro da Coruña”. Con estas bases documentais, desde o BNG “instamos ao concello a presentar unha demanda xudicial para recuperar para todas as coruñesas e coruñeses este edificio”, e engadiu que “tanto a institución municipal como o Estado están lexitimados para actuar, xa que eran os propietarios”.

O BNG xa apresentou dúas mocións para este fin no pleno da Coruña no anterior mandato, en virtude das cales acordouse comisionar o Consello da Memoria Democrática para realizar un estudo xurídico. “Urxiremos para que o estudo culmine canto antes e poder comezar cos procedementos xudiciais”, sinalou Jorquera.

Movementos sociais veñen reclamando desde hai tempo a devolución do patrimonio espoliado pola familia Franco ao pobo galego, con accións políticas levadas a cabo desde o campo nacionalista en prol da titularidade pública do Pazo de Meirás, reivindicándoo co depregamento dunha pancarta e unha bandeira da Patria desde o seu interior, así como desde os balcóns da Casa Cornide, e de maneira semellante exixiuse tamén a devolución das estatuas de Isaac e Abraham arrincadas do Pórtico da Gloria e agasalladasn a Franco.

comentarios