O BNG insta o Concello da Coruña a retirar todas as honras ao rei emérito

Após os escándalos que rodean a Juan Carlos I, os nacionalistas queren que desaparezan placas, retratos e outras referencias que continúan visíbeis no pazo de María Pita. O asunto deberá ser analizado pola Comisión de Memoria Democrática.
O rei emérito no Congreso, nunha fotografía de arquivo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O rei emérito no Congreso, nunha fotografía de arquivo. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

Os efectos da saída a luz pública dos supostos delitos protagonizados polo rei emérito non deixan de sucederse, tamén na Galiza. O grupo municipal do BNG na Coruña reclamou que a resposta a eses escándalos e á mudanza do monarca fóra do Estado español sexa a retirada de todo tipo de honras no Consistorio.

O portavoz do Bloque na corporación coruñesa, Francisco Jorquera, mandou a través do rexistro un rogo ao Goberno municipal que dirixe Inés Rey para estudar a supresión das lembranzas honoríficas a Juan Carlos I.

“Para o grupo municipal do BNG, o nada edificante comportamento de Juan Carlos I, con operacións económicas feitas ás costas do fisco, é argumento máis que suficiente para o Concello retirar as distincións outorgadas no pasado ao anterior xefe do Estado”, xustifica.

O texto, que está pensado para a súa lectura no próximo pleno previsto para o día 8 de abril, inclúe a demanda de que a proposta nacionalista sexa trasladada ao Consello da Memoria Democrática do Concello.

En caso de saír adiante a iniciativa do BNG, o ex monarca perdería unha medalla de bronce da Coruña. Ademais, terían que retirarse todas as distincións que hai no pazo de María Pita e que están en forma de placas, retratos, baixorrelevos e outros elementos.

Polo de agora, o Concello de Pontevedra vai adiantado neste sentido, pois xa se mudou “por decencia” o nome da rúa que estaba dedicada ao rei emérito polo da galeguista Virxinia Pereira.

Ademais, na sede da Deputación pontevedresa substituíuse un busto de Juan Carlos I por unha peza artística de carácter feminista.

Comentarios