O BNG impugna a reprobación a Mesa do Parlamento contra Luis Bará

Considera que non ten “sustento técnico-xurídico” e que atenta contra a liberdade de expresión”

BARA  (4)
photo_camera BARA (4)

O BNG rexistrou un escrito ante a Mesa do Parlamento para que o órgano de dirección reconsidere o seu acordo do pasado 13 de abril polo que determina que a destrución dunha imaxe fotográfica de Filipe VI “é unha conduta digna de reproche e impropia” dun membro da Cámara- Decisión adoptada após o deputado nacionalista, Luís Bará, rachar unha foto do Rei durante unha intervención de denuncia da involución democrática.

No escrito de reconsideración, o BNG considera impugnábel dito acordo por entender que se adoptou “sen ningunha garantía nin respecto das propias previsións regulamentarias", sendo unha decisión "totalmente arbitraria que afecta ademais ao dereito fundamental á liberdade de expresión recollido no Convenio Europeo de Dereitos Humanos”.

Igualmente, considera a organización nacionalista que a Mesa non é competente para adoptar decisións que afectan a cuestións disciplinarias. Nesta materia, o regulamento da Cámara ten un apartado concreto, di o BNG, “onde non se recollen facultades específicas da Mesa para emitir xuízos sobre o decoro ou a dignidade parlamentaria” que, de apreciarse, “terían que someterse aos procedementos previstos”. De feito, afonda o escrito do BNG, o propio informe dos letrados do Parlamento “sitúa á Comisión do Estatuto como a competente para actuar”. Por tanto, conclúe, a decisión do órgano de goberno da Cámara “afástase das conclusións e dos argumentos dos servizos xurídicos”.

A formación nacionalista tamén alega quen non cabe aplicación algunha do réxime de disciplina parlamentaria e que se produce unha vulneración do dereito á liberdade de expresión segundo a xurisprudencia do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos.

Comentarios