5-A

O BNG "é a garantía do cambio real", di Ana Pontón

A candidata á Presidencia da Xunta pola formación nacionalista considera que son unha referencia por ser "unha forza política seria, cohesionada, cunha traxectoria importante na defensa da Galiza, capacidade de traballo e de transformación".
bng
photo_camera Ana Pontón, acompañada por Goretti Sanmartín e Néstor Rego (BNG)

A candidata á Presidencia da Xunta do BNG, Ana Pontón, considera que "hai moitos cidadáns e cidadás" que a día de hoxe ven a formación nacionalista como unha "referencia" por ser "unha forza política seria, cohesionada, cunha traxectoria importante na defensa da Galiza, capacidade de traballo e de transformación".

Por este motivo, na carreira electoral seguirán "traballando" con "humildade e entusiasmo" para continuar "sumando" apoios e conseguir un "proxecto ambicioso, de futuro" e con "política seria".

O obxectivo é "saír a gañar" o próximo 5 de abril, dixo, mais fixo fincapé na idea de que o que está en disputa nesa xornada será "a Xunta a Feixoo". Preguntada por se esa cita tamén supón un combate polo segundo posto contra o PSOE, opina que o que está en xogo é "a confianza das galegas e dos galegos".

Feminismo

A líder nacionalista quere gañarse esa confianza trasladando cuestións como "a loita contra a violencia de xénero" a un "primeiro plano", e situando as "políticas de igualdade no centro de actuación" do Goberno galego.

No marco dunha mesa de traballo, a segunda do espazo Pensar Galiza, que este sábado reuniu asociacións, colectivos e o Bloque na capital do país para abordar as necesidades do feminismo, Ana Pontón recordou que "o cambio" o 5 de abril "ten que darse en clave feminista".

Segundo considera, todo o contrario é o que deixan 11 anos de Goberno de Feixoo, que "demostrou ser un presidente carca e reaccionario" que "traballou contra os dereitos das mulleres" cun "programa que se parece moito ao que aplica a extrema dereita".

En concreto, censurou o recorte de servizos de información para as mulleres ou que "se recuperou o financiamento" para os centros escolares "que segregan por sexo". O seu obxectivo é aplicar políticas de igualdade, "destinar 1% dos orzamentos da Xunta á loita contra a violencia de xénero" ou aprobar "recursos de conciliación e corresponsabilidade" para as familias.

A súa máxima é que "o Goberno da Xunta responda ás reivindicacións" que se deixan sentir na rúa cada 8 de marzo, explicou.

Enquisa

A respecto da enquisa publicada na mañá deste sábado por El Confidencial, que dá unha axustada maioría absoluta ao PP (39 escanos), 16 ao PSOE, 14 ao BNG e 6 a Podemos Galicia, Ana Pontón dixo que a formación nacionalista "superará todas as enquisas".

As enquisas "poden fallar", precisou Pontón. "A mellor enquisa verase o 5 de abril" nas urnas, engadiu. En calquera caso, quixo salientar a "tendencia á alza" ─o BNG conta con seis representantes no Parlamento actualmente─. "Síntese nas rúas e vese nas enquisas" que o Bloque "é a garantía do cambio real", aínda que toma "con precaución" calquera sondaxe, comentou.

En calquera caso, unha proba da relevancia do partido é, na súa opinión, "o nerviosismo do PP" que "ataca por todas partes" a formación nacionalista porque "sabe" que o BNG é "a alternativa" a un "Goberno popular e a unha dereita que deixa a Galiza peor do que a atopou".

Comentarios