20-D: Un manifesto defende o dereito a decidir dos pobos como a auténtica mudanza política

O BNG e formacións soberanistas do Estado asinan o documento 'Os pobos temos a palabra'. Unha chamada a pular por procesos constituíntes nos diferentes pobos de cara á ruptura democrática

Forzas soberanistas do Estado nun acto a prol do proceso catalán
photo_camera Forzas soberanistas do Estado nun acto a prol do proceso catalán

BNG (Galiza), ERC, CUP, (Catalunya), EH Bildu (Euskal Herria), Mes x Mallorca, IzCa (Castela), Unidad del Pueblo (Canarias), Puyalon de Cuchas (Aragón) e Andecha (Asturies) son as formacións que apoian o manifesto Os pobos temos a palabra”, un documento que se difunde nestes días previos ao 6 de decembro, data na que se desenvolverán actos e mobilizacións promovidas por cada unha das forzas políticas que se adhiren á iniciativa. “A campaña ten como obxectivo mostrar a vontade de construír espazos de colaboración e contribuír á apertura de procesos constituíntes cara a unha ruptura democrática co réxime de 1978 que, segundo sinalan, só pode vir da man do dereito dos pobos a decidir”, indican desde o nacionalismo galego.

Consideran as forzas políticas asinantes que o marco xurídico-político saído da Constitución de 1978 está esgotado e apostan por unha ruptura democrática que responda á vontade dos pobos e á urxencia de transformación social de cara un futuro máis xusto e igualitario.

O 20-D, sostén o BNG, a mudanza só pode vir desde os nacionalismos. As forzas soberanistas alertan no documento da “ofensiva recentralizadora do Estado e a defensa ardente da unidade de España, a que se prestan partidos de vello e novo cuño” que negan os dereitos de pobos e nacións. Neste contexto, que se acentúa na resposta ao proceso soberanista catalán, as forzas asinantes do manifesto consideran que é “totalmente ilusorio esperar a que unha eventual alternancia electoral, o próximo 20 de decembro, entre partidos que se negan a aceptar o dereito a decidir dos pobos, habilite unha auténtica mudanza política”.

Comentarios