O BNG felicita Gustavo Petro polo "triunfo" nas eleccións presidenciais de Colombia

A coordinadora de Relacións Internacionais do BNG, Ana Miranda, participou como observadora na Misión de Observación Electoral do Grupo Interparlamentario pola Paz en Colombia.
Edificio de votación das eleccións presidenciais de Colombia. (Foto: Camilo Erasso)
photo_camera Edificio de votación das eleccións presidenciais de Colombia. (Foto: Camilo Erasso)

A executiva do Bloque Nacionalista Galego (BNG) trasladou as súas felicitacións ao novo presidente de Colombia, Gustavo Petro, e á vicepresidenta, Francia Márquez, após superar nas eleccións presidenciais deste domingo a Rodolfo Hernández.

"A vitoria da esquerda supón unha oportunidade histórica para superar o uribismo e afrontar un cambio de etapa baseado na paz, a xustiza social, a protección de medio ambiente e a igualdade", destacou a coordinadora de  Relacións Internacionais do BNG, Ana Miranda, nun comunicado.

A dirixente do BNG participou como observadora na Misión de Observación Electoral do Grupo Interparlamentario pola Paz en Colombia.

Mentres na primeira volta das presidenciais percorreu numerosos colexios electorais da área metropolitana en  Medellín, na segunda volta decorrida este domingo visitou os centros de votación de Suba, unha das cidades do Distrito Capital de Bogotá.

Cambio de época en Colombia

Conforme sinalou o Bloque, "ademais de constatar a ausencia de interventores e as dificultades de información en diversos centros de votación", na xornada do domingo a misión de observación detectou "varios casos de votantes facéndolles fotografías ao voto, unha actuación ilegal, polo indicio de compra".

Neste contexto, Ana Miranda destacou que a vitoria da coalición Pacto Histórico ten un maior valor tendo en conta o contexto de violencia vivido nos últimos anos, con desprazamentos forzosos, ameazas e ataques contra políticos e defensores dos dereitos humanos.

Os nacionalistas trasladaron as súas felicitacións aos conxunto da poboación colombiana, xa que co seu voto de apoio á esquerda indicou que quere un cambio de época en Colombia vencendo o uribismo e á súa política  ultraliberal.

Ademais, indicou que neste cambio de época xoga un papel fundamental a vicepresidenta electa Francia Márquez, avogada feminista de orixe afrocolombiana, como representante dos colectivos excluídos.

Comentarios