MUNICIPAIS 2015

O BNG fará unha campaña das municipais sen recorrer a créditos bancarios nin a ‘mailing’

‘’Será unha campaña distinta a das forzas políticas do sistema”, explicou Bieito Lobeira, secretario de Organización e coordinador da campaña.

LOBEira BNG

O BNG-Asembleas Abertas ten claro que a campaña electoral das municipais do 24 de maio vai ser “modesta” , “imaxinativa” e achegada á xente, tendo como “activos principais” o traballo e o esforzo da ‘corpus social’ nacionalista e apostando en “actos de proximidade” en charlas coloquio para escoitar a veciñanza “en cada parroquia e en cada barrio”.

Bieito Lobeira, secretario de Organización e coordenador da campaña, explicou que a do BNG vai ser “distinta á das forzas políticas do sistema”. Lobeira anunciou que será unha campaña “do cara a cara, do boca a boca, do porta a porta, falando asociación por asociación, colectivo por colectivo, pretendemos chegar a cada veciño e veciña do noso país, en cada parroquia, concello, vila e barrio de cada cidade, trasladarlle as nosas alternativas pero tamén escoitar as propostas das persoas as que nos diriximos”.

"Hixiene democrática"

Dúas serán as marcas identificativas desta campaña do Bloque: non recorrerá a créditos bancarios de ningún tipo para financiar a campaña e renuncia ao envío masivo de papeletas por correo “por hixiene democrática e por aforro de recursos públicos”.

“Consideramos que o máis democrático é que cada elector e electora colla directamente o seu voto no colexio electoral e o deposite na urna”, argumentou e, por outro lado, renunciar ao mailing “supón case 2 millóns de euros de aforro en Galiza e só tendo en conta as forzas con representación parlamentaria”, explicou. Bieito Lobeira emprazou as outras organización políticas a facer o mesmo “para predicar co exemplo recortando un gasto prescindible e por limpeza democrática”.

Recursos

O secretario de Organización dixo que a campaña do BNG-AA vaise financiar “exclusivamente cos nosos propios recursos, sen dependencia de ningunha entidade bancaria, empresa ou lobbie”.

Os activos do BNG-Asembleas Abertas nesa cita electoral, manifestou Bieito Lobeira, son un proxecto político “nacionalista, popular e solvente, imprescindible para superar a lousa das políticas do PP”, e unhas candidaturas conformadas por xente “honesta que ten demostrado que dá a cara”, e unha militancia e participantes nas asembleas abertas dispostos a defender un proxecto de país tamén desde os concellos.

Comentarios