Igualdade

O BNG explicita a súa postura en contra dos “ventres de alugueiro”

Diante do amplo debate que está a ter lugar en relación aos ventres de alugueiro, o BNG vén de facer público o seu posicionamento contrario. Advirte o Bloque da “mal denominada” xestación subrogada e do que implica para as mulleres.

Embarazadas

Ventres de alugueiro ou maternidade subrogada? A propia denominación xa connota o posicionamento ideolóxico. E o BNG teno claro, elixe ventres de alugueiro. O demais son, para a formación nacionalista, “eufemismos” que pretenden “banalizar e medicalizar dun xeito aséptico o que é en realidade unha práctica que ten como piar básico a explotación con fins económicos do corpo das mulleres, nomeadamente das mulleres máis pobres”.

A formación frontista posiciónase abertamente contra os ventres de alugueiro cando o debate está máis candente que nunca, máxime cando se está a xestar unha iniciativa lexislativa popular ao respeito. Unha ILP, di o Bloque, “impulsada por asociacións detrás das cales hai intereses económicos claros (clínicas privadas, bufetes de avogados...) e co apoio explícito de Ciudadanos”.

O BNG denuncia nun comunicado o feito de que as mulleres sexan utilizadas “como incubadoras”, así como “a desigualdade na relación contractual que se pretende”; é dicir, “unha persoa ou unha parella con capacidade adquisitiva recibe, a cambio dun prezo, compensación económica ou resarcimento económico, unha crianza xestada no ventre doutra muller dunha posición económica inferior”.

O BNG defende que a maternidade non é un dereito

As e os nacionalistas salientan que “non é unha necesidade vital ter descendencia biolóxica, polo que a maternidade non se pode considerar un dereito como tal. Ante a premisa patriarcal, cómpre insistir en que unha muller non é menos muller por non ser nai biolóxica”. Na mesma liña, din que a paternidade biolóxica tampouco é un dereito.

"Unha proposta contraria á legalización baseada nun rexeitamento da mercantilización do corpo das mulleres non entra en contradición co compromiso do BNG coa loita contra a discriminación por razón de xénero ou orientación sexual"

A respeito das reivindicacións do colectivo LGBTI, que se pronuncia maioritariamente a  favor da legalización dos ventres de alugueiro, argumentando un suposto dereito á paternidade igualitaria, o grupo de traballo LGBTI do BNG “apoia incondicionalmente esta proposta, elaborada polo Grupo de Traballo de Acción Feminista, entendendo que unha proposta contraria á legalización baseada nun rexeitamento da mercantilización do corpo das mulleres non entra en contradición co compromiso do BNG coa loita contra a discriminación por razón de xénero ou orientación sexual e coa loita do colectivo LGBTI para conquistar os seus plenos dereitos”.

Altruísmo?

Sobre o suposto altruísmo ao que recorren os colectivos que apostan na “xestación subrogada”, o BNG advirte de que se trata de “casos específicos e moi minoritarios” e de que “a casuística individual minoritaria non pode servir de pretexto para deixar a porta aberta á banalización e sistematización desta práctica”.

“Resulta evidente que este suposto altruísmo dunhas poucas mulleres só se utiliza para agochar o verdadeiro propósito da pretendida legalización desta práctica: a explotación comercial dos corpos das mulleres pobres e a compra-venda de crianzas”, acrecenta a formación dirixida por Ana Pontón, que tamén sinala que o Parlamento Europeo xa alertara “desta nova forma de explotación das mulleres en 2015 no seu Informe anual sobre os dereitos humanos e a democracia no mundo (2014)”. A institución europea tamén se pronunciara en contra na resolución de 5 de xullo de 2016.

“Non se debe confundir o dereito das mulleres a disporen libremente do seu corpo (aborto libre e gratuíto, sexualidade...) coa mercantilización deste”, salienta o BNG, quen critica que os contratos asinados priven as “mulleres xestantes” do dereito a disporen libremente do seu corpo. Os contratos, engade a formación nacionalista, poden chegar a regular todos os detalles da vida da muller xestante.

O BNG tamén pon o foco na “dignidade das crianzas”, ao entender que tamén se ve vulnerada, pois “pasan a ser tamén obxecto de contrato mercantil, sendo así que a parte contratante pode mesmo escoller por catálogo as características xenéticas da súa futura criatura”.

“Estamos perante unha nova forma de dominación e de violencia contra as mulleres ao expolas ao tráfico reprodutivo, cousificando o seu corpo”

“Estamos perante unha nova forma de dominación e de violencia contra as mulleres ao expolas ao tráfico reprodutivo, cousificando o seu corpo”, afirma o Bloque, que chama a “non caer na trampa de considerar o alugueiro de ventres unha manifestación de as mulleres disporen libremente dos seus corpos, xa que o incentivo é –se ben non en todos os casos, si maioritariamente– económico”.

Desta maneira, pon de manifesto que esta práctica “afecta sobre todo as mulleres máis empobrecidas que, ademais, reciben tan só o 10% do lucro que xera a industria dos ventres de alugueiro en países como Rusia ou Ucraína, ficando a maior parte en mans de intermediarios”. “Nada indica que a súa legalización no Estado español serviría para paliar esta situación enraizada no funcionamento normal do neoliberalismo”.

O BNG engade no comunicado que “non nos debemos deixar enganar polos termos empregados, eufemismos tecnicistas que pretenden agochar a realidade: unha situación de desigualdade estrutural que provoca que as mulleres “aluguen” o seu corpo, poñendo en risco a súa saúde en beneficio de quen pode pagar, unha nova forma de violencia e trata de persoas, mercantilizando o que non debe ser obxecto de comercio: a vida”.

“Non se pode pretender que se trata dun acto supostamente altruísta cando existe un intercambio de diñeiro por un servizo prestado, pois, por moito que se chame “compensación económica resarcitoria”, en realidade non é outra cousa que un pagamento que entra dentro da lóxica capitalista”, conclúe o Bloque.

Comentarios