domingo 09/08/20
Peche da central de Endesa

O BNG exixirá no Congreso un convenio de transición xusta para As Pontes

O Bloque Nacionalista Galego rexistrará nos próximos días unha Proposión Non de Lei no Congreso dos Deputados para exixir ao Goberno central que a Galiza sexa incluída na estratexia de transición xusta nas mesmas condicións e cos mesmos dereitos que Aragón, Asturias e Castela e León.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Europa Press)
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Europa Press)

O BNG, a través do seu deputado Néstor Rego, exixirá tamén que sexa convocada a mesa de traballo sobre actuacións e convenios de transición xusta para As Pontes no mes de xaneiro de 2020 para iniciar actuacións "con compromisos orzamentarios correspondentes".

Rego pedirá que se convoque o órgano de xestión do convenio de transición xusta para As Pontes coa participación do Ministerio de Transición Ecolóxica, a Xunta de Galiza, o Concello das Pontes, os sindicatos (CIG, CCOO e UXT) e a empresa Endesa.

O BNG rexeita que unha empresa como Endesa, que "explotou os nosos recursos naturais até esgotalos" e que obtivo "beneficios multimillonarios", pretenda cesar a actividade sen que haxa ningunha alternativa "que garanta a continuidade do emprego" nas Pontes e na comarca.

Néstor Rego criticou esta sexta feira que o Goberno español non teña previsto "ningún plan alternativo de reactivación da actividade económica na comarca das Pontes a pesar de impulsar unha transición enerxética que en todo caso debe ser xusta socialmente". O deputado sinalou que iso implica "a dotación dos recursos económicos necesarios para garantir novas actividades económicas".

O anuncio de Endesa de solicitar o cese da actividade, segundo recolleu o BNG nun comunicado,  vén de "demostrar" que esta empresa "é a que marca a axenda e non as administracións públicas".

"Nin a Xunta de Galiza, que actúa como mera espectadora, nin tampouco o Goberno español, que demostrou unha falta absoluta de previsión e un desinterese lamentábel polo futuro dos máis de 800 traballadores e traballadoras directamente afectadas e de toda unha comarca que se verá gravemente perxudicada polo peche da planta sen que existan alternativas", afirmou Néstor Rego.

comentarios