O BNG exixe á Xunta que convoque xa a mesa para articular a saída de Ence da ría de Pontevedra

O deputado nacionalista Luís Bará apela á oportunidade histórica de desenvolver un proxecto integral que xere máis emprego e máis riqueza na ría.
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto ao deputado do BNG Luís Bara, este domingo 4 de xullo na marcha contra Ence (Foto: Nós Diario)
photo_camera O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, xunto ao deputado do BNG Luís Bara, este domingo 4 de xullo na marcha contra Ence (Foto: Nós Diario)

“Ence non pode seguir onde está por moito que a pinten de verde e así o imos seguir defendendo desde o BNG porque, ademais de recuperar a ría, estamos ante unha oportunidade histórica para desenvolver un proxecto integral que xere máis emprego e máis riqueza no monte e na industria forestal". Así se pronunciou o portavoz parlamentario de Medio Ambiente do BNG, Luís Bará, antes de participar na marcha convocada pola Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) que decorreu na mañá deste domingo, 4 de xullo, exixindo a saída definitiva da fábrica da ría de Pontevedra.

Bará reclamou á Xunta que “asuma a súa obriga de situarse á fronte do proceso convocando unha mesa en que estean todas as partes implicadas para liderar un plan de futuro que pase, en primeiro lugar, pola saída de Ence da ría e a recuperación ambiental dos terreos que ocupa" e, en segundo termo, polo desenvolvemento dun novo proxecto industrial para o aproveitamento integral do monte, "coa potenciación da industrial forestal con novas liñas de produtos e madeiras de calidade e o feche do ciclo produtivo cunha planta de fabricación de papel".

Logo de subliñar a necesaria participación pública no proceso, tanto na fase de planificación como de execución, o deputado nacionalista advertiu que "a Xunta non pode seguir defendendo os intereses dunha empresa privada pasando por riba do interese xeral", dado que a saída da factoría da ría está máis que xustificada por razóns ambientais, sociais, urbanísticas, de saúde pública "e tamén de saúde democrática".

"A peor contaminación é a das portas xiratorias e o uso das institucións para favorecer intereses privados fronte ao interese xeral", recalcou o nacionalista, para reprobar a a actitude do Goberno galego, ao que reprochou a súa inacción a pesar de ter “todas as competencias en materia ambiental, de ordenación do territorio e de desenvolvemento industrial".

O deputado destacou que "a estas alturas está claro que a prórroga de 2016 foi concedida de maneira irregular por un Goberno estatal en funcións que non tiña competencias para facelo" e que a Lei de Costas di que este tipo de instalacións industriais non poden estar en terreos de dominio público marítimo terrestre se non teñen relación directa co mar, como é o caso. "E por se non fose abondo, o Plan de Ordenación do Litoral aprobado pola Xunta en 2011 prevé a saída da fábrica e a recuperación ambiental e paisaxística dos terreos que ocupa", salientou.

Por iso, Bará avanzou que o BNG "vai seguir defendendo nas rúas, como está facendo hoxe, e nas institucións a saída da fábrica da ría" e incidiu na intención nacionalista de "ir máis alá, porque pensamos que estamos diante dun contexto e dunha oportunidade histórica para recuperar a ría e para desenvolver un proxecto integral que xere máis emprego e máis riqueza no monte e na industria forestal".

"Aquí non vale cruzarse de brazos e botar a culpa aos demais, non vale como fai a Xunta, ser Goberno e facer de oposición", recalcou, para concluír que "temos moito que gañar en materia de decencia democrática e defensa do interese xeral; en materia ambiental, para termos montes e rías sustentábeis, vivas e produtivas; e, por último, en materia de emprego, coa creación de centos de novos postos de traballo de calidade na industria forestal e no mar". 

Comentarios