O BNG exixe á Xunta que free o desmantelamento de cirurxía pediátrica no hospital de Ourense

A través dunha proposición non de lei presentada na comisión de Sanidade acusan á xerenta do CHUOU --Eloína Núñez, curmá de Feijóo-- de ''manipular'' os dados oficiais para evitar a contratación de persoal facultativo e para xustificar a unificación das áreas sanitarias de Ourense e Vigo. O debate no Parlamento encetará ás 10.30h

hospital
photo_camera Protesto do persoal do CHUOU contra os recortes [Imaxe: arquivo SG]


A contratación do persoal facultativo necesario para atender as demandas de cirurxía pediátrica no Complexo hospitalario universitario de Ourense e que a Xunta revogue a decisión de unificar a área sanitaria de Ourense coa de Vigo. Tal é a reclamación que as deputadas do BNG Tereixa Paz e Montse Prado levarán esta cuarta feira á comisión de sanidade do Parlamento galego a través dunha proposición non de lei en que denuncian o "deterioro asistencial" no devandito servizo do CHUOU.

As nacionalistas apoñen o desmantelamento de cirurxía pediátrica á redución de persoal e medios materiais amparada pola consellaría de Sanidade que dirixe Rocío Mosquera e que aboca @s pacientes a se transladaren a Vigo perante a "imposibilidade de facer fronte á atención en moitas franxas horarias". 

A xerenta do CHUOU, curmá de Feijóo, "manipula" dados oficiais

Diante desta situación, Paz e Prado acusan a Xunta de "dar un novo salto ao baleiro" en lugar de "asumir as necesidades de contratación de persoal". Aliás, denuncian que a xerenta do CHUOU, Eloína Núñez --curmá de Feijóo-- "manipula" os dados oficiais para lle restar importancia ao servizo de cirurxía pediátrica e xustificar a decisión de unificar as áreas sanitarias de Ourense e Vigo. 

O BNG entende que a solución de que @s doentes de cirurxía pediátrica sexan atendidas nos hospitais da cidade olívica é "inasumíbel" e resulta no "empobrecemento" dos servizos que se prestan no centro ourensán malia que a contratación do persoal necesario "tería un custo francamente ridículo". Por todo isto, a formación frontista insta o Parlamento galego a demandar da Xunta esas contratacións, así como que desista da idea de unificar as dúas áreas sanitarias citadas.

Comentarios