Crise municipal en Ourense

O BNG exixe unha moción de censura contra Jácome para desbloquear a crise de Goberno local

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón demanda que se deixe gobernar á lista que conseguiu máis apoios nas pasadas eleccións municipais. “Só hai que facer efectiva esa dimisión a través dunha moción de censura que lle permita a cidade volver a posición de saída", salienta a nacionalista.
EuropaPress_3308350_ponton_valoracion_inicio_curso
photo_camera A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, nunha imaxe de arquivo. (Foto: BNG)

A crise do goberno local en Ourense continúa sen solución e a veciñanza está a padecer esta falta de xestión. Ante a "parálise" da cidade grazas a un "rexedor letal pero votado e apoiado até agora polo PP", o BNG intenta promover un cambio. A portavoz nacional do partido, Ana Pontón, sostén que para resolver a pelexa hai que facerlle unha "moción de censura contra Jácome e abrir a porta a que goberne a lista máis votada".

A nacionalista defende que, a súa idea, tería sido a realidade "se o PP de Feixoo non tivese posto os intereses partidistas por riba dos da cidade nun pacto de mero intercambio de cromos”.

“Hai que facer algo xa, non se pode seguir como se nada pasara, sobre todo porque estamos nunha crise no medio dunha pandemia e require que esta cidade teña un goberno que colla as rendas”, afirmou Pontón, tras manter un encontro de traballo co grupo municipal do BNG en Ourense.

Dado que convocar outros comicios non é unha opción, tanto a voceira como o seu equipo no municipio apostan na moción de censura toda vez que Gonzalo Pérez Jácome xa amosou que non vai atender a petición que lle fixo toda a corporación (agás dous edís e el mesmo) a semana pasada para que presentara a súa renuncia ao posto.

Responsabilidade compartida do líder popular

“Só hai que facer efectiva esa dimisión a través dunha moción de censura que lle permita a cidade volver a posición de saída e permitir que goberne a lista máis votada porque é a solución máis acaída para, nun momento excepcional,  desbloquear unha situación que non pode prorrogarse máis, pois quen paga a incompetencia, as liortas e os pactos escuros do PP son os veciños e as veciñas de Ourense”, xustificou Pontón para dar cabida a una decisión tan drástica.

A líder da oposición pediu a Feixoo, ao que ve como un "responsábel directo" do que está a suceder, que teña o interese en desbloquear a situación “porque está na súa man para que a solución que propoñemos se poida efectivizar xa que é a única viable é posible para sacar a cidade da parálise”.

 “Catro anos e cero orzamentos, e tras ese balance Feixóo decidiu dar un paso máis, decidiu pisar o acelerador e darlle o bastón de mando á unha persoa que el mesmo definiu como letal, palabras proféticas”, remarcou, antes de falar doutro dos problemas do sur da Galiza estes días: os incendios.

Neste sentido amosou a súa preocupación por un "balance desastroso" da vaga de lumes, que xa leva arrasadas 9.000 hectáreas. Malia que hoxe nas comarcas do sur mírase ao ceo pola previsión de chuvia, o ocorrido desde o sábado até o momento é “reflexo do fracaso da política do Goberno na loita contra os incendios e na preservación do territorio, porque vemos que ano a ano o país arde sen que se tomen medidas eficaces para impedilo”.

Comentarios