RECLAMA A CONVOCATORIA DUNHA SESIóN EXTRAORDINARIA

O BNG exixe a comparecencia da ministra de Agricultura pola crise do leite

As deputadas do Bloque no Congreso, Olaia Fernández Davila e Rosana Pérez, veñen de presentar unha solicitude de convocatoria da Deputación Permanente para que compareza de maneira urxente a ministra de Agricultura, Isabel García Tejerina, pola grave situación do sector lácteo.

Olaia Fernández Davila
photo_camera Olaia Fernández Davila

O BNG vén de rexistrar no Congreso unha solicitude de convocatoria da Deputación permanente para aprobar a constitución dunha sesión extraordinaria da Comisión de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente co fin que compareza a ministra do ámbito pola grave situación que atravesa o sector lácteo.

A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, cualifica a situación que sofre o sector de “inxusto” e advirte de que está “extremadamente vulnerábel” polos prezos “de miseria” que se lles paga, moi por debaixo dos custes de produción”. A baixada tan acusada dos prezos que percibe o sector galego está a pór en risco “a supervivencia e o mantemento futuro de miles de explotacións agro-gandeiras”, sinala o Bloque nun comunicado.

A deputada nacionalista salienta que o sector lácteo galego é o que “máis peso ten no conxunto do Estado, un sector moi importante para Galiza que non pode desaparecer”.

Olaia Fernández Davila que participou na multitudinaria manifestación celebrada en Santiago de Compostela na sexta feira, considera que “a situación é suficientemente grave como para que a ministra dea a cara e acuda ao Congreso a comparecer e a explicarnos que medidas está a adoptar para evitar a perda dun sector de máxima importancia para Galiza”.

Comentarios