BNG exixe que a colección artística de NGB sexa doada á Xunta para evitar o seu espolio

A deputada Ana Pontón solicitou que o goberno galego se faga coas obras de arte das extintas caixas, cando o banco no que estas se tornaron está a piques de ser vendido polo que agora é seu dono, o Estado. "Pode darse o esperpento de ter que destinar cartos públicos para recuperar unhas obras de arte que xa son nosas", advirte Pontón.

Ana Pontón
photo_camera Ana Pontón

A piques de saír a poxa, NovaGalicia Banco conta entre os seus activos cunha das mellores coleccións artísticas do país, procedente da obra social das extintas caixas. O risco de que sexa vendida xunto coa entidade financeira levou o BNG a presentar unha iniciativa parlamentar para o FROB --accionista maioritario do banco-- doar á Xunta de Galiza a obra, maioritariamente pictórica. 

"O Goberno de Feijóo ten que actuar para evitar o espolio do noso patrimonio, ten que dirixirse ao Estado para evitar que esa colección se venda como un activo financeiro máis de NGB", apuntou a viceportavoz parlamentar do BNG, ao tempo que alertou do "esperpento" que podería darse de se producir a venda. 

O BNG cre que o Estado, actual titular do banco, visa vender o patrimonio artístico das caixas como "un activo máis" de NGB

"Pode darse o esperpento de ter que destinar cartos públicos para recuperar unhas obras de arte que xa son nosas, porque foron pagadas cos aforros dos galegos e galegas a través da obra social das antigas caixas", subliñou Pontón, para quen a súa declaración como Ben de interese cultural (BIC) "non é suficiente para impedir" a súa venda. 

Neste senso, desde a organización frontista sumáronse á iniciativa popular promovida pola Fundación Galiza Cultura para demandar que o goberno galego unifique as coleccións nun único, BIC facilitando así a recuperación do carácter público do conxunto da obra. Aliás, no caso de Caixa Galicia, os fondos artísticos non ficaron adscritos á Fundación, senón que constitúen máis un activo financeiro da entidade bancaria. 

Desde o BNG, aseguran que esta decisión non é "inocente", senón que visa "facilitar a venda deste patrimonio" como máis un activo do banco. Así, demandan á Xunta de Galiza que se implique na defensa destas coleccións e garanta a súa "permanencia no país", evitando que se produza "un duplo espolio: o do aforro galego e do patrimonio artístico". 

Comentarios