Investidura

O BNG exixe ao PSOE concrecións coa ‘axenda galega’ de cara á investidura

O deputado do BNG no Congreso dos Deputados, Néstor Rego, asegura que a súa formación ten vontade de diálogo mais non de outorgar “un cheque en branco a ninguén”. Nese sentido, no Bloque sitúanse polo de agora “lonxe de votar” a prol de Pedro Sánchez e afirman que a posibilidade dun acordo depende do PSOE e da medida en que se concrete un compromiso do Goberno central coa axenda galega.  
Néstor Rego Candamil, en rolda de prensa na sede nacional do BNG
photo_camera Néstor Rego Candamil, en rolda de prensa na sede nacional do BNG

No BNG non pechan as conversas coa equipa negociadora do PSOE e onte mesmo realizaron contactos, mais neste último día do ano, terza feira 31 de decembro, o nacionalismo galego sitúase “lonxe de votar” a prol de Pedro Sánchez como presidente do Estado.

No Bloque aseguran seguir “botando en falta concrecións” e compromisos reais coa ‘axenda galega’. De feito, o deputado no Congreso Néstor Rego asegurou esta mañá tanto na TVG como en rolda de prensa ante os medios que as “boas palabras non nos valen. Queremos medidas reais e prazos concretos”, aseverou en alusión ao compromiso que o PSOE chegue coas urxencias do país.

Rego sinalou que o BNG colocou sobre a mesa precisamente esa ‘axenda galega’ como compendio dos principais problemas sociais, políticos e económicos do país

Nese sentido Rego sinalou que o BNG colocou sobre a mesa precisamente esa ‘axenda galega’ como compendio dos principais problemas sociais, políticos e económicos do país que precisan urxente solución, medidas e prazos concretos. “A existencia dun acordo depende pois do PSOE e da súa intención de comprometerse ou non cos problemas da Galiza”, recalcou Rego, quen ademais lamentou que “o Goberno central estea moi afeito a esquecer que a Galiza existe, xa que infelizmente nos últimos tempos eses problemas e necesidades non estiveron no debate político do Estado”.

Por iso, no Bloque atópanse a día de hoxe “lonxe de dar un voto favorábel á investidura de Pedro Sánchez” e agardan “que nas próximas horas haxa algunha aproximación do PSOE a estas concrecións que pedimos á ‘axenda galega’ para que ese acordo sexa posíbel”, sinalou Rego.

O deputado nacionalista puxo en valor as iniciativas que estas semanas apresentou na Cámara Baixa en relación cos problemas do país,  como as que tiveron a ver co estatuto das electrointensivas, co accidente do Blue Star e coa suba das peaxes da AP-9; e anunciou que apresentará tamén iniciativas para unha transición enerxética xusta nas localidades das Pontes e Cerceda perante o anuncio de peche das plantas de Endesa.

“Desde que o BNG ten representación no Congreso falouse máis da Galiza nestas poucas semanas que nos catro anos anteriores”, en relación aos temas que defendeu.

En canto ao acordo PSOE con Unidas Podemos apresentado no día de onte por Pedro Sánchez e Pablo Iglesias, Rego criticou que adoece de falta de ambición e concreción. “Parécenos ben que se derrogue a lei Mordaza, pero nada se di da lei mordaza dixital aprobada polo PSOE coa abstención de Unidas Podemos”, lamentou.  

En canto ao discurso que o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixoo enuncia no último día do ano, Néstor Rego aproveitou o cenario escollido polo mandatario, un instituto público ourensán, para exixir medidas de apoio ao sistema educativo público. “Unha cousa é predicar e outra dar trigo. Xa é hora de que a Xunta do PP dea trigo ao ensino público”, aseverou.

Comentarios