Néstor Rego exixe ao Estado paralizar os proxectos de megaparques eólicos

Alertan dun "boom eólico" sen garantías ambientais.
Néstor Rego, ante os medios, no Congreso (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego, ante os medios, no Congreso (Foto: Nós Diario)

Ante o “boom eólico” na Galiza, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou nunha comparecencia ante os medios "a paralización inmediata" de todos os proxectos que están sendo obxecto de tramitación por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica. Ademais, instou o Goberno do Estado, "respectando as competencias da Galiza", a elaborar unha planificación eólica "asentada en criterios que respecten o patrimonio natural, cultural e paisaxístico e contribúa para o desenvolvemento económico". 

A pesar de se efectivizaren os fechamentos das centrais térmicas de Meirama (Cerceda) e, na práctica, das Pontes, no ano 2020 a Galiza exportou 29,2 % da enerxía eléctrica que produciu. “Só a produción de fontes renovábeis excedeu o consumo interno en 1.200 Gwh" subliñou. “Evidénciase que Galiza xa é unha potencia na produción de enerxía eléctrica renovábel e que é excedentaria, pois produce máis que a que neste momento necesita”.

Rego lamentou que "o Goberno estatal estea a favorecer a instalación de megaparques eólicos sen control e sen atender as consecuencias de carácter ambiental nin as afeccións a terras agrarias produtivas e ao patrimonio”.

O deputado sinalou que o Ministerio, que ten atribuídas as competencias para autorizar a instalación dos parques eólicos que superen 50 MW, “ten neste momento en diferentes fases de tramitación un conxunto de parques que suman 2.524  MW de potencia”.

A estes hai que engadir os de potencia inferior a 50 MW, cuxa autorización corresponde á Xunta. “Trátase, por tanto, dun verdadeiro boom eólico, mais desenvolvido sen unha adecuada planificación, baixo unha arquitectura legal obsoleta e sen garantías para a participación social ou a salvagarda do patrimonio natural” .

O nacionalista aclarou que partilla a necesidade de avanzar no uso das renovábeis, mais opúxose a un modelo desregularizado, con parques non dimensionados ao territorio galego e en mans de multinacionais.

Parque na Costa da Morte

Precisamente, esta quinta feira, 27 de maio, no Parlamento galego o BNG tamén instou a Xunta a denegar a autorización dos dous novos proxectos eólicos solicitados na contorna da paisaxe protexida dos Penedos de Pasarela e Traba, na Costa da Morte, por constituíren, din, “unha auténtica navallada no corazón mesmo dos penedos”.

Comentarios