O BNG pide "información transparente" a Transportes sobre a petición de adiamento para xustificar a prórroga da AP-9

Néstor Rego chama a "pór fin á estafa legalizada que supuxo a prórroga" da concesión desta autoestrada.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego. (Foto: Nós Diario)

Despois de coñecer a solicitude de aprazamento presentada polo Goberno do Estado ante a Comisión Europea para formular alegacións ao segundo expediente aberto polo organismo europeo en relación coa concesión da autoestrada AP-9, o BNG exixe este sábado explicacións ao Ministerio de Transportes. Quere coñecer, ademais das razóns que levaron o Executivo a presentar esta solicitude de aprazamento, cales serás as alegacións que presentará.

Esta decisión do Goberno español, segundo a organización nacionalista, "é errónea", porque "despois da notoriedade da posición do comisario de Mercado Interior como consecuencia das recentes informacións publicadas en medios de comunicación, o Executivo debería aproveitar a ocasión e mudar a posición" que mantén sobre esta cuestión.

"Debe aproveitar a oportunidade brindada pola apertura do expediente de infracción -o segundo xa- para declarar a nulidade da prórroga por non axustarse a dereito", enfatiza o deputado Néstor Rego. De feito, lembra que no seo da Unión Europea xa existen precedentes de casos semellantes que foron resoltos anulando a concesión.

Rego reclama coñecer o contido íntegro da carta enviada polo Comisario de Mercado Interior ao Goberno. En dita carta, o comisario advertía que o Goberno do PP de José María Aznar xa planeaba en 1999 a privatización da AP-9 e que a prórroga se utilizou como un mecanismo para aumentar o seu valor no mercado: "É dicir, sabía que ía privatizala antes da data en que se formalizou a extensión da concesión", precisa o parlamentario nacionalista.

Cumprir o mandato popular

Paralelamente, a organización nacionalista retoma a súa ofensiva institucional, despois de conseguir o apoio da Cámara baixa para reclamar ao Goberno estatal anular a concesión da AP-9, suprimir as peaxes e impulsar a transferencia á Galiza.

Para o deputado do BNG, o Goberno estatal, e concretamente o Ministerio de Transportes, deben "actuar decididamente" para, tal e como vén reclamando o BNG e o conxunto da sociedade galega, "pór fin á estafa legalizada que supuxo a prórroga" da concesión da AP-9. "Aínda que non está obrigados por lei, é unha obriga moral e política cumprir o contido da moción presentada polo BNG e apoiada maioritariamente polo Congreso", subliña.

Entre os puntos aprobados, o Executivo —lembra o deputado nacionalista— debe iniciar os trámites para encargar o estudo que permita coñecer o custo real e as vía legais adecuadas para pór fin á concesión e asumir a xestión pública da autoestrada, eliminando por fin as portaxes.

Comentarios