O BNG esixe á Xunta que pague xa as axudas comprometidas ao sector do marisqueo pola perda de produtividade das rías

Rosana Pérez pide que se cumpra o acordo unánime do Parlamento e reclama pagar ao sector cos 21,5 millóns que quedaron sen executar no 2023.

A deputada nacionalista Rosana Pérez
photo_camera A deputada nacionalista Rosana Pérez.

A deputada do BNG Rosana Pérez vén de rexistrar unha iniciativa para esixirlle ao PP que cumpra o acordo unánime do pasado 7 de maio no Parlamento Galego e convoque de xeito urxente as axudas directas comprometidas ás mariscadoras e os mariscadores que sofren as consecuencias da perda continuada de produtividade nas rías galegas. Ademais, reclama que, de maneira prioritaria, se invistan nestas axudas os case 21'5 millóns de euros que a Consellería do Mar deixou sen executar en 2023 "para manter unhas rendas dignas e evitar a expulsión de máis xente do marisqueo".

"A situación é desesperada. Hai mariscadoras que xa abandonaron a actividade, outras que levan sen ingresos desde o mes de decembro, outras obrigadas a volver ás praias onde os topes son mínimos pola escaseza de recurso e outras que non teñen ningunha axuda por non teren acumulado o tempo para poder cobralas", advirte.

A portavoz de Mar do grupo nacionalista lembra que o acordo aprobado por unanimidade dos grupos da Cámara insta á Xunta, literalmente, a "elaborar e  poñer en marcha de xeito urxente e extraordinario un plan de cobertura económica e social para as traballadoras e traballadores do mar afectados pola sucesión de condicións climatolóxicas adversas que se veñen producindo dende o mes de outubro, e que contemple cando menos axudas directas dende o mes de outubro e ata que se recupere a actividade con normalidade".

Cando se van cumprir xa dous meses dende que o acordo foi aprobado, "vemos como a situación das mariscadoras e mariscadores é, non igual que daquela, senón moito peor", advirte, para subliñar que a única achega que recibiron da Administración galega desde o mes de outubro é unha axuda "cicatera" de 550 euros que apenas foi abonada a 4.000 dun total de 7.000 profesionais.

Denuncia ademais que as axudas con cargo ao Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e Acuicultura (FEMPA) foron convocadas "aínda no mes de maio e só para a paralización da actividade a frote nos bancos de libre marisqueo da ría de Arousa, nos do Plan de xestión da Confraría de Noia e no específico conxunto, tamén a frote, das zonas de libre marisqueo das Confrarías de Pontevedra, Lourizán, Raxó, Sanxenxo e Marín".

Pérez lamenta que, nestes casos, as persoas afectadas "tardarán aínda meses en cobrar", e destaca que a situación é aínda peor para os afectados do marisqueo a frote e, sobre todo, para a totalidade dos traballadores e das traballadoras do marisqueo a pé porque, para estes colectivos, "as axudas seguen sen convocarse a esta altura do ano".

Con este panorama, moitas persoas afectadas "tiveron que buscar outro traballo" e  "moitas outras ou esgotaron a prestación por cese ou non puideron sequera acceder a ela", advirte a deputada do BNG na iniciativa rexistrada esta semana.

Considera inxustificábel o "desleixo inhumano e até cruel" por parte da Xunta da Galiza, a única Administración con competencias en materia de marisqueo. Na súa opinión, resulta ademais incalificábel a inacción en particular da Consellaría de Mar, que leva meses anunciando actuacións que aínda non levou a cabo e é incapaz de executar os seus propios orzamentos ano tras ano, "malia ás moitas necesidades do sector do mar no seu conxunto", apunta.

"As rías galegas levan anos desangrándose, perdendo postos de traballo e produtividade, mentres a Consellaría do Mar mira para outro lado, só poñendo remendos a un problema xa enorme e que necesita medidas de calado e orzamentos suficientes para solucionar ademais as choivas intensas nas tres campañas que provocaron que o sector do marisqueo estea hoxe nunha situación estrema", conclúe.

Comentarios