O BNG esixe á Xunta que se implique na regulación das vivendas turísticas

Denuncia "a política da lei da selva" do Goberno galego, que inscribe no seu rexistro pisos turísticos "ilegais".

A deputada do BNG, Alexandra Fernández (Foto: Nós Diario).
photo_camera A deputada do BNG, Alexandra Fernández (Foto: Nós Diario).

O BNG defenderá no pleno desta semana no Parlamento da Galiza que a Xunta se implique na regulación das vivendas de uso turístico (VUT) e deixe de "boicotear" os pasos que "con valentía" dan concellos como o de Santiago, liderado pola alcaldesa nacionalista Goretti Sanmartín.

A deputada do Bloque Alexandra Fernández denunciou que o Goberno autonómico está "a tentar boicotear" os avances das administracións locais, pero ve aínda "máis grave" que, cando os concellos poñan límites, se dedique a "facer oídos xordos desas normas e inscriba as VUT ilegais".

Neste contexto, o BNG reclama a Alfonso Rueda que abandone a súa "política da lei da selva", porque os concellos "poden pór normas, pero quen ten as competencias en materia de turismo para controlar e rexistrar os estabelecementos é a Xunta".

Así, Alexandra Fernández levará ao pleno o debate sobre a "evolución explosiva" das VUT, que pasaron de 500 en 2017 a máis de 22.500 na actualidade, un 4.510 por cento máis. Isto, engade, ten "importantes consecuencias" no prezo da vivenda, na "calidade urbana" e no modelo turístico galego.

 

Tal e como denuncia o BNG, neste momento para dar de alta un piso turístico e incluílo no Rexistro de Estabelecementos e Actividades Turísticas (REAT) só hai que presentar unha declaración responsábel e asinada polo propietario conforme cumpre as normas, "pero non a documentación que o acredite".

Por iso, a deputada Alexandra Fernández critica que a Xunta estea a inscribir VUT "irregulares" a pesar de non cumprir coa normativa municipal, un requerimento que avalou o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. "Un descrontrol premeditado" porque o PP só "retira do censo aquelas vivendas cunha sentenza firme".

 

Comentarios