O BNG esixe que o Goberno central reclame xudicialmente Meirás

O PSdeG negouse a apoiar unha declaración insitucional do Parlamento galego para esixir ao Goberno central unha demanda xudicial para recuperar o Pazo de Meirás. “Lamentámolo”, declarou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, impulsora da moción.
 

Pazo_de_Meirás_05
photo_camera O Pazo de Meirás. Foto: cedida.

Para a dirixente nacionalista, a denuncia é “a vía para reclamar” a propiedade do inmóbel, e unha medida necesaria “ante as trécolas da familia Franco para evitalo”. Pontón explicou esta terza feira no Hórreo como a súa organización intentou “chegar a un acordo” cos socialistas galegos, pero non frutificou.

“O PSdeG ten que explicar a súa negativa a reclamar que se cumpran os acordos do Parlamento de Galiza”, engadiu, “xa que parece máis interesado en acubillarse baixo a sombra do señor Sánchez ca en defender os intereses de Galiza”.

Para a nacionalista, é “inaceptábel” que o Executivo de Pedro Sánchez “pense que con retirar o ditador do Val dos Caídos se pecha o cumprimento da Lei de Memoria Histórica”. “Tampouco podemos aceptar, como galegos e galegas, que a lentitude se converta en cómplice das artimañas da familia de Franco para que non recuperemos o Pazo de Meirás”, concluíu.

Comentarios