BNG esixe a comparecencia da Ministra de Facenda para reclamar a "débeda" de 370 millóns con Galiza

Néstor Rego, esta semana no Congreso. (BNG)

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reclamou a comparecencia, na Comisión de Facenda, da ministra María Jesús Montero para pedir ao Ministerio a "débeda" que o Estado ten con Galiza e que cifrou en 370 millóns: 200 do IVE correspondente a 2017 e 170 dos incentivos habilitados ás autonomías cumpridoras da regra de gasto.

Rego afirmou que o Goberno español "debe pagar ese diñeiro, que é de todos os galegos e galegas", e advirte de que "ningún artificio nin pretexto de carácter técnico" pode xustificar que non se pague esta contía.

Á marxe desta petición, o Bloque tamén rexistrou unha iniciativa parlamentar para que, por escrito, o Goberno se sitúe en relación a esta situación. Non en balde, é preciso contar cun pronunciamiento por escrito do Executivo central no que se rexeite o pagamento desta contía para un procedemento de reclamación vía xudicial, como a Xunta decidiu emprender.

O parlamentar nacionalista lembrou que o BNG reclamou "desde sempre" un concerto económico que, a través dunha facenda propia, lle dea a Galiza a capacidade de recadar todos os impostos e de decidir a que se destinan.

Para o BNG, este sistema de financiamento significa dispor de máis recursos para investir no desenvolvemento económico e na mellora dos servizos públicos galegos.

Ao tempo, o representante do BNG subliñou que, segundo os datos de 2017, a diferenza nese ano entre o que os galegos pagaron ao Estado en impostos e o que se devolveu supera os 4.500 millóns de euros.

Esta cifra, manifestou, apunta a idea da "potencialidade" de mellora do financiamento galego co modelo de concerto económico e, nesa medida, tamén das posibilidades de avanzar en calidade de vida e benestar.

Máis en POLÍTICA
Comentarios